Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 18:03
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), presidiu este xoves a inauguración da exposición "Tierra de sueños", da que é autora a prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero e que consta de 40 instantáneas en gran formato e que mostran como se desenvolve a vida dos habitantes de Anantapur, no estado de Andhra Pradesh, unha das zonas máis pobres da India.
Neste acto tamén se deron cita, entre outros, o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; a comisaria do Xacobeo 2021-22, Cecilia Pereira; a directora de Banca de Institucións de CaixaBank en Galicia, Mª Jesús García; a responsable territorial da Fundación "a Caixa" en Galicia, Susan Santos; e a propia autora das fotografías e comisaria da exposición, Cristina García Rodero, que explicou aos presentes como logrou algunhas das imaxes. Esta exposición é froito do traballo que levan desenvolvendo conxuntamente a Fundación "a Caixa" e a Fundación Vicente Ferrer na India para mellorar substancialmente as condicións de vida dos máis vulnerables.
Durante un mes e medio, García Rodero dedicouse a visitar distintos lugares desta zona de Asia, como hospitais, centros de acollida de mulleres vítimas de malos tratos, talleres, escolas e casas, mostrando así algunhas das persoas que alí se atopou, moito deles nenos, persoas con discapacidade e sobre todo mulleres, moitas das cales aparecen desenvolvendo as súas tarefas habituais. A mostra permanecerá neste espazo ferrolán ata o 4 de febreiro.
REFERENTE
Cristina García Rodero é un referente da fotografía tanto en España como a nivel internacional. Nada en Puertollano (Ciudad Real) en 1949, licenciouse en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Foi a primeira española en entrar na prestixiosa axencia fotoperiodística Magnum, entre os seus traballos destaca España oculta, que forma parte da Colección "A Caixa" de Arte Contemporánea.
Recibiu numerosos premios, entre eles os World Press Photo 1993, Premio Nacional de Fotografía 1996, FotoPres" a Caixa" 1997, PhotoEspaña 2000, Premio Godó de Fotoperiodismo 2000, as medallas de ouro ao Mérito nas Belas Artes 2005 e de Castela-A Mancha 2016, e o premio PhotoEspaña 2017.
É ademais a primeira fotógrafa española en ter un museo propio, concretamente na súa cidade natal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.