A Xunta promete "afrouxar" medidas canto antes: "Oxalá o pico da Ómicron chegue xa"

Rueda confiou en que haxa "oportunidade de gozar moitos meses con normalidade" este 2022.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que en canto a situación epidemiolóxica o permita, o Goberno galego "afrouxará" as medidas de restrición que seguen vixentes e que vén de prorrogar ata o 12 de febreiro (as xerais) e ata o 29 de xaneiro (as que precisan autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

"Oxalá que o pico famoso da pandemia de ómicron chegue canto antes para que as cousas empecen a mellorar", desexou o dirixente autonómico, quen, precisamente, vén de superar a infección por coronavirus neste nadal. Rueda lembrou ademais que o "ano está a empezar" e, ademais, é un ano Xacobeo, polo que confiou en que haxa "oportunidade de gozar moitos meses con normalidade" este 2022.

Preguntado nun acto na Cañiza, Rueda lembrou que o TSXG autorizou que se siga pedindo o pasaporte covid de vacinación --ou certificado de recuperación ou proba negativa-- en todos os locais de hostalaría, lecer nocturno, ximnasios, albergues de peregrinos e para acudir como acompañante ou visita aos centros hospitalarios e residencias.

O tribunal galego tamén deu luz verde a manter prohibición de reunirse entre as 3 e as 6 da madrugada, pero agora só os fins de semana --venres, sábado e domingo, correspondente coas saídas nocturnas de xoves, venres e sábado--, xunto cos festivos --correspondente coa saída das vésperas de festivo--.

Ademais, a Xunta tamén vén de ampliar as medidas xerais que afectan o plan de hostalaría segura, como o límite de oito comensais por mesa en interior e dez en terrazas, a prohibición de consumir nas barras dos bares e que todos os eventos e espectáculos artísticos teñen que celebrarse sentados, entre outras cuestións.

"Pídese porque a situación segue sendo complicada. Vemos que estamos nun número de contaxios moi elevado aínda e seguen sendo moi necesarias. Por tanto, pedimos responsabilidade á poboación e que ninguén teña ningunha dúbida de que cando se poidan afrouxar, porque a situación sanitaria o permite, farémolo", expuxo. "Non se manterán nin un día máis do estritamente necesario", sentenciou.

O vicepresidente galego, Alfonso Rueda / Isabel Infantes - Europa Press. / Europa Press
O vicepresidente galego, Alfonso Rueda / Isabel Infantes - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta