Galegofalantes nas Asturies

É unha realidade case tautolóxica que o uso das diversas linguas non se axusta con exactitude ás fronteiras administrativas. É unha evidencia científica, ratificada dende os tempos de Dámaso Alonso nos anos 40 do século XX por todos os dialectólogos, que o galego que falan uns 40.000 cidadáns asturianos (5% da poboación das Asturies) dos 19 concellos do oeste do Principado é unha variante dialectal do galego, o galego oriental, que partillan tamén os galegofalantes do Berzo e da Seara (administrativamente en Castela-León) e os galegos da parte máis ao leste da Galicia administrativa.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 16/01/2022

Comparte esta noticia
Velaí que a Real Academia Galega (RAG) cumprise coa súa obriga cando se dirixiu ás autoridades do Principado para que o galego fose recoñecido como lingua oficial na vindeira reforma do Estatuto asturiano, canda a llingua asturiana, falada no resto do Principado, no norte da provincia de León e na vila portuguesa de Miranda do Douro. Propuña a RAG o modelo da lingua occitana en Catalunya, chamada aranés no val de Arán. Na área territorial do val de Arán o occitano é oficial canda o castelán e o catalán, que son oficiais no resto do territorio. Mais as persoas falantes do aranés teñen dereito a se dirixir na devandita lingua ás autoridades da Generalitat, mesmo que estean fóra do val de Arán, por exemplo en Barcelona.    
 
Contra toda evidencia científica, o discurso de determinados elementos asturianistas é negar a galeguidade da lingua falada no occidente astur, que no canto dunha variedade dialectal do galego sería unha fala de transición (eonaviego) hoxe e mañá, a pouco que aprofonden nesa ladaíña acientífica,  unha fala máis ou menos conectada coa llingua asturiana. Unha teima semellante- e conexa- á de chamar ría del Eo á que sempre foi na cartografía internacional ría de Ribadeo. Esa galega vila de Ribadeo que constitúe o centro comercial e urbano de referencia para as xentes do Occidente astor, contribuíndo non pouco ao mantemento do galego nese territorio.
 
Ogallá a cidadanía astur sexa quen de introducir a oficialidade da súa llingua no seu Estatuto. Mais ogallá que as entidades que defenden a llingua deprendan defendela en cooperación e nunca competición coa lingua galega. Señoras e señores asturianistas, non se trabuquen vostedes de inimigo.
 
Por certo que Xunta ten competencias e responsabilidades canto á promoción e ensino do galego na Galicia exterior, consonte cos artigos 35 do noso  Estatuto e 21.2 da Lei de normalización lingüística. Sabemos que estas competencias se exerceron no Berzo, mais nunca en Asturies.Que fixo ao respecto a Secretaria xeral de Política Lingüística? É certo que os gobernos do Principado todos rexeitaron introducir o ensino do galego no Occidente astur?

Manifestación pola oficialidade do asturiano e o galego-asturiano
Manifestación pola oficialidade do asturiano e o galego-asturiano | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.