Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 18/01/2022 | Actualizada ás 16:35
O Tribunal Superior de Xuztiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha traballadora da tenda de Stradivarius situada na Praza de Lugo da Coruña a reducir a súa xornada laboral e concretar o seu horario laboral para coidar á súa filla nada en maio de 2019.
O alto tribunal galego condena a empresa a indemnizar á traballadora, que pediu unha excedencia a finais de 2019 para o coidado da menor, con 3.000 euros en concepto de danos e prexuízos, tal e como indica o fallo emitido o 25 de novembro de 2021 tras o recurso presentado contra unha sentenza do Xulgado do Social número 4 da Coruña.
O TSXG sinala que a traballadora ten un contrato indefinido a tempo parcial, con antigüidade desde 2006, e que presta servizos na tenda, na que traballan un total de 22 persoas con quendas rotatorias.
Ademais, explica, o 14 de setembro de 2020, a muller solicitou a redución da xornada a 25 horas semanais, de luns a venres de 10,00 horas a 15,00 horas. Con todo, apunta que a empresa accedeu á redución pero denegoulle a concreción horaria. Tras iso, a traballadora prorrogou a súa excedencia ata novembro de 2020.
Deste xeito, o TSXG atende o recurso presentado pola traballadora contra a sentenza do Xulgado do Social número 4 da Coruña e condena a empresa a que proceda á redución da xornada laboral, concretando o horario. Ademais, imponlle unha indemnización de 3.000 euros.
O sindicato nacionalista CIG denuncia que "a vulneración dos dereitos de conciliación forma parte da política laboral de Inditex de forma que os traballadores se ven na obriga de ter que recorrer permanentemente á xustiza para poder gozar dos seus dereitos".
O sindicato sostén que a "obstaculización continuada" destes dereitos busca "desincentivar ao persoal e que renuncie a solicitar reducións e adaptacións horarias por coidado e así aforrar en contratacións".
Ademais, sinala que, a pesar da firmeza desta sentenza, a empresa "non rectificou a súa política" e "continúa supeditando facilitar os dereitos de conciliación do seu persoal a que acredite non ter outras alternativas de coidado, como unha parella ou outra persoa da familia que se poida facer cargo do menor durante o seu horario de traballo cando o dereito a concretar a xornada, tal e como recolle o fallo, é individual".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.