Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 13:20
A organización Unións Agrarias (UUAA) secundará a "gran manifestación" do próximo domingo, 23 de xaneiro, en Madrid organizada por asociacións, plataformas e colectivos ligados ao medio rural para esixir que non se tramite a Lei de Protección Animal que ultima o Goberno.
O secretario xeral de UUAA, Roberto García, xunto ao representante da asociación Alma Rural-Galicia, Francisco Chan, compareceu este mércores nunha rolda de prensa telemática para expor os motivos polos que se adhiren á manifestación convocada para o 23 de xaneiro na capital.
Entre as reclamacións expostas por UUAA e Alma Rural, subliñaron a "recuperación dos servizos públicos recortados tras a crise do 2008" e "a defensa dun modelo sustentable de gandaría e agricultura". Sobre isto último, o secretario de UUAA sinalou a "importancia de cumprir coa lei da cadea" para lograr rendas dignas nestes sectores.
As organizacións apuntaron que estas problemáticas do campo xunto ás leis feitas "desde unha sensibilidade urbana" agravan problemas como o do despoboamento. As asociacións reivindicaron que o modelo de Galicia é "sustentable e de calidade" e que as iniciativas como a Lei de Protección Animal "dificultan" a situación de gandeiros e agricultores.
Roberto García cualificou de "histórica" a manifestación deste domingo e estimou que por parte de UUAA participarán entre 800 e 900 persoas, aínda que lembrou que hai moitos particulares que irán polos seus propios medios. García aseverou que a concentración servirá para reclamar o investimento dos fondos europeos no rural, destinados a liquidar a fenda dixital e mellorar a situación da muller no rural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.