Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2022 | Actualizada ás 17:12
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes a web institucional, que inclúe tecnoloxía que a fai máis accesible e intuitiva á vez que profunda na "máxima transparencia comunicativa e as boas prácticas de xestión". Así o explicou Camela Silva, quen destacou a axilidade desta web para que a cidadanía realice calquera trámite con esta Administración "de forma rápida e cómoda".
O novo portal, que mantén a URL antiga (depo.gal), foi reestruturado para ofrecer "máis e mellor información de forma máis sinxela", indicou, mantendo os estándares de transparencia informativa que xa sitúan á Deputación de Pontevedra e á súa presidenta "no top 10 do ranking de transparencia" das deputacións e gobernos insulares do Estado e dos seus presidentes.
Carmela Silva lembrou que hai sete anos a institución "partía de posicións moi baixas a nivel de transparencia, e situarse na cabeza requiriu un inxente esforzo interno". "O noso compromiso é seguir traballando para ocupar a primeira posición", sentenciou. A web corporativa da Deputación de Pontevedra rexistrou 409.009 persoas usuarias en 2021 e 2,4 millóns de páxinas vistas nos últimos doce meses.
CAMBIOS
Os cambios fundamentais que percibirán os usuarios son o redeseño integral do portal, a reestruturación do contido para ofrecer información de forma máis sinxela e clara e a aplicación de "tecnoloxía de vangarda" para mellorar a experiencia de navegación e axilizar o tempo de carga das páxinas.
O portal, creado polo persoal de Comunicación e Novas Tecnoloxías do organismo provincial, conta tamén cun novo xestor de base de datos e un novo servidor de procuras. A información tamén se organiza sobre 13 grandes áreas temáticas: Cohesión Social, Cooperación Transfronteiriza, Cultura, Deportes, Emprego, Formación, Igualdade, Infraestruturas e Mobilidade, Lingua, Medio Natural, Turismo e Mocidade e Memoria Histórica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.