Misoxinia organizada e violencias sexuais: así son os ataques ás mulleres nas redes sociais

O Observatorio Stop Machitroles, da Cátedra de Feminismos 4.0, vén de presentar o primeiro informe sobre os ataques misóxinos nas redes sociais. A propia Cátedra foi vítima dun mentres elaboraba a investigación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

As redes sociais conforman xa unha parte central das nosas vidas, mais as experiencias vividas nelas non son iguais para todas as persoas. A presenza das mulleres polas redes está atravesada por violencias machistas que se reproducen nos entornos online moitas veces coa conivencia das grandes empresas da tecnoloxía. Co obxectivo de mergullarse nestas discriminacións e “achegar algo de luz sobre o comportamento deste tipo de violencias”, o Observatorio Stop Machitroles vén de elaborar unha radiografía da violencia machista dixital no sur de Galicia a través dos datos e experiencias achegadas por mulleres anónimas vítimas. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; e a responsable da Unidade de Igualdade da institución académica, Águeda Gómez.. RAFA ESTEVEZ
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; e a responsable da Unidade de Igualdade da institución académica, Águeda Gómez.. RAFA ESTEVEZ

Este mapa conforma o primeiro informe deste organismo, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra dentro da Cátedra Feminismos 4.0. O documento, presentado este xoves pola directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, identifica tres tipos de violencia diferentes: os ataques machistas individualizados, as violencias sexuais dixitais e a misoximia virtual organizada

TRES TIPOS DE VIOLENCIAS MACHISTAS DIXITAIS

Os ataques machistas individualizados están dirixidos a mulleres só polo feito de ser mulleres. “Buscan desvalorizar, difamar e minar a reputación e os logros femininos e adoitan actuar contra xornalistas, políticas, artistas, deportistas ou académicas", recolle o informe. "Para isto empregan fórmulas moi diversas como o ciberacoso ou cyberbullying, mansplaining, crackeo de contas, acusacións falsas, suplantación de identidades ou utilización de programas espía para controlar os movementos en liña das mulleres”. 

 

O segundo tipo correspóndese coas violencias sexuais dixitais, que “están destinadas a controlar os corpos, goce e sexualidade das mulleres, mediante distintas accións como comentarios, acoso e insultos de carácter sexual e as ameazas de violación; pornovinganza e pornografía non consentida ou distribución de imaxes íntimas sen consentimento, captación en liña, rexistro e difusión de agresións sexuais a mulleres con fins de trata para a prostitución, sextorsión, grooming con menores e pornografía”. En moitos casos, as persoas que perpetran esas accións proceden do ámbito próximo da muller agredida, como exparellas, familiares, compañeiros de estudos ou de traballo, veciños ou clientes.

Un grupo de persoas navegan polas redes sociais. JCCM - Arquivo
Un grupo de persoas navegan polas redes sociais. JCCM - Arquivo

 

O terceiro tipo é a misoxinia virtual organizada, tamén coñecida polo termo machoesfera ou os anglosaxóns manhood e manosfera. Trátase dunha estratexia destinada a “facer hexemónico o discurso de odio misóxino e a violencia simbólica no espazo virtual e silenciar, invisibilizar e disciplinar as retóricas das mulleres feministas na paisaxe dixital, coa conivencia, dalgún xeito, das grandes empresas tecnolóxicas como Twitter, Youtube, Facebook, TikTok, Telegram, Twich ou Google e das institucións públicas”. A través dun patrón estrutural organizado e altamente sofisticado a nivel tecnolóxico, atacan sistematicamente servidores, sitios web e contidos, conseguen peche de contas e executan accións masivas contra discursos e perfís feministas.

 

IMPORTANCIA DOS ESTUDOS

 

Ata momento, os datos dispoñibles a nivel estatal ou mesmo mundial sobre as formas de violencia machista en liña son moi escasos. Con todo, no documento elaborado polo Observatorio recóllense algunhas informacións extraídas doutras investigacións. No 2017, o informe do European Women’s Lobby sinalaba que un 37% de mulleres feministas recibiu ameazas sexuais a través de Internet. Un ano despois, un estudo de Amnistía Internacional sinalaba que entre o 63 e o 83% das mulleres agredidas en liña tivo que cambiar o seu uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

 

Tamén en 2018, outro estudo europeo sinalaba que unha de cada catro mozas europeas viviu situacións de cyberbullying e que o 87% de imaxes incautadas de abuso sexual a menores se correspondía con nenas. Segundo os datos de Speech Project (2019), dous terzos das mulleres periodistas reportan experimentar ameazas, abuso sexista, intimidación e acoso ao realizar o seu traballo. Estas cifras reflicten que as violencias dixitais son "un fenómeno xeneralizado", especialmente dixirido cara ás mulleres e cun "forte e virulento" compoñente sexual, segundo resaltan no informe do Observatorio.

 

ATAQUE DE FOROCOCHES AO OBSERVATORIO

 

A expansión deste tipo de violencias machistas é tal que mesmo chegou a afectar a actividade do propio Observatorio Stop Machitroles. Segundo indican nun comunicado, entre os días 24 e 25 de xuño de 2021, xusto coincidindo co lanzamento da recollida de información para elaborar este informe, tivo lugar un ataque masivo procedente do ecosistema da manoesfera nacional co fin de boicotear esta iniciativa da cátedra, concretamente dende o portal Forocoches, unha web con preto de 900.000 perfís rexistrados e na que “nalgunhas discusións predominan ideas propias da extrema dereita, o fascismo e de desprezo palpable respecto ás mulleres e ao feminismo”.

 

Neste ataque observouse o mesmo modus operandi en distintos feitos acontecidos nas redes sociais. “A falta de datos públicos, oficiais e dispoñibles deste tipo de ataques, non debe considerarse un feito accidental e illado, senón produto dunha violencia sistémica coa conivencia, permiso e mesmo auspiciada polos propios xigantes tecnolóxicos”, recalcou Gómez. 

 

Ante este panorama, a Cátedra de Estudos Feministas 4.0 ”pretende ser un laboratorio de ideas e una ferramenta feminista para afrontar estes desafíos”. Por una banda, creando liñas de axuda como o propio Observatorio Stop Machitroles para reportar, visibilizar e denunciar este tipo de violencias machistas en liña e tamén afondando no coñecemento científico desta realidade con investigacións realizadas na cátedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta