Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/01/2022 | Actualizada ás 14:29
Galicia alcanza o seu mínimo histórico na taxa de abandono escolar, un 8,1 por cento, o que a sitúa como terceira comunidade autónoma con mellor taxa de éxito escolar, só por detrás de País Vasco (4,8% de abandono) e Cantabria (6,4%). Ese 8,1 por cento de abandono supón un descenso en case catro puntos con respecto aos datos de 2020 (12 por cento), a maior baixada interanual desta taxa desde que existen rexistros.
Ademais, este dato sitúa ao sistema educativo galego a máis de cinco puntos de distancia da media estatal, que é do 13,3 por cento, a primeira vez nunha década que se produce unha diferenza desta envergadura co dato español. Só as tres primeiras comunidades mencionadas, incluída Galicia, xunto con Navarra (9,1%) están por baixo da media que a Unión Europea marcou como meta para o ano 2020, que é o 9,9 por cento.
Desde o ano 2009, no que se rexistrou un 25,8 por cento, o abandono educativo temperán en Galicia reduciuse en 17,7 puntos, algo que a Xunta atribúe aos programas de mellora impulsados a prol do "esforzo e o éxito escolar".
Doutra banda, a Xunta destaca que o feito de que Galicia sexa a primeira comunidade con máis alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios supón tamén unha "significativa vantaxe".
A inclusión educativa "é a base do éxito escolar, dado que supón atender a cada estudante en función das súas capacidades", fomentando o talento e disuadíndoo de abandonar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.