Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/02/2022 | Actualizada ás 22:00
A finais do pasado mes de xaneiro os departamentos de Emigración, Educación e Retorno da Xunta de Galicia, anunciaban a posibilidade de crear bolsas de FP Dual destinadas a persoas fóra de terrtorio galego con intencións de retonar. A Consellería de Cultura, Educación e Universidades declaraba "trátase de ofrecer unha oportunidade para o retorno dos galegos do exterior, así como tamén é unha oportunidade para Galicia, xa que aqueles que opten ás axudas traerán consigo unha experiencia laboral e formativa previa dos seus propios países".
FP DUAL, SOLUCIÓN OU PARCHE?
O sistema de FP dual buscaba en teoría a formación en empresas e non en centros educativos, de cara a futuras contratacións. “ A FP Dual non crea postos de traballo nin debera crealos, debe formar profesionais cualificados” sinala Maica Couto do sindicato educativo STEG. A conclusión do STEG é que “na FP Dual, tal como se concibe, o alumnado pasa a ser persoal da empresa, ocupan postos de traballo, non crean postos”. É dicir, agora mesmo as persoas en formación terían un contrato de traballo cando antes era un de formación.
Tamén hai voces que sinalan á nova reforma laboral de favorecer os contratos mediante prácticas e formación. Este tipo de contratación “facilita prolongar o período de formación alongando o período de explotación” di Francisco González Sío da CIG. “Estas persoas reciben uns salarios reducidos porque están nas categorías laborais máis baixas ou só receben o 60% do que debera ser a paga correspondente na súa categoría”. Segundo González Sío, o uso deste tipo de contratacións baseadas na FP dual, débese á nova Ley de FP do Goberno central que se deseñou en decembro antes de aprobarse a reforma laboral do goberno Sánchez.
José Manuel Fuentes, de CC.OO, valora como pouco realista a idea da Xunta para a creación de bolsas de FP dual. Para Fuentes a FP dual en Galicia ten un problema estrutural, “carece de tecido empresarial de grandes empresas, aquí temos pemes que, unha vez rematada a fase de formación o máis frecuente é que non se contrate ao alumno”. De aí a conclusión de Fuentes “a proposta da Xunta non é unha solución realista para crear emprego e facilitar retorno de emigrados”.
A falta dun tecido e dun mercado laboral pouco dinámico e atractivo fai que Galicia presente unha “taxa de actividade seis puntos por debaixo da que se rexistra no resto do Estado, o que pon de manifesto esta situación”, como sinalan desde UGT-Galicia. Segundo os cálculos desta central sindical “entre o ano 2008 e o 2020 Galicia perdeu 108.300 mozos ocupados”. UGT valora positivamente as iniciativas encamiñadas a ofrecer novas oportunidades mais o que se lles ofreza aos mozos e mozas retornados “teñen que ser oportunidades que lles garantan un futuro laboral estable e con dereitos”.
CAMBIARÁ ALGO?
“Entendemos agora mesmo que a FP ten moita parte prácitca e as empresas están contentas mais non cremos que a nosa FP necesitara enviar alumnos directamente ás empresas” di Maica Couto. A membro do STEG destaca por outra parte a falta de información sobre as bolsas FP dual da Xunta. “Non sabemos como nin a quen lle outorgarán esas bolsas”. Á parte engade o temor, xa intuído hai tempo, de que en realidade este anuncio sexa unha mostra da creación de “chiringuitos que poden montarse en calquera lugar, pois calquera poderá crear o seu módulo de formación”.
Segundo o Plan Retorna da Xunta, volveron 10.000 persoas a Galicia. González Sío destaca que este retorno débese á crise da COVID “porque moitos quedaron sen traballo e volveron á casa dos pais”. O goberno galego estaría aproveitando unha coxuntura como a COVID para falar de retornados. “Esas persoas emigrarán outra vez porque aquí non hai maneira de crear postos de traballo fixos e dignos”.
José Manuel Fuentes apunta a dous puntos base para a proposta de FP da Xunta: “unha é propaganda política, dicir que hai retorno de emigración e aproveitar o actual sistema de FP que permite a privatización da FP” e coa perda de presenza das institucións educativas. Fuentes non ve a proposta da Xunta como unha solución, pois só tocará sectores moi concretos e persoas moi concretas. “En Galicia falta un estudo real sobre as saídas da FP no mercado laboral e non se fai ese estudo porque a Consellería de Educación elude involucrarse nel”.
A escaseza de oportunidades no mercado laboral en relación ás necesidades do mesmo, fai que UGT cualifique os escasos postos de traballo como “precarios e pouco atractivos para avanzar nun proxecto vital de futuro digno”. Aínda así, apostan por medidas de incentivo para a empregabilidade de mozos e mozas para reactivar o tecido laboral.
As conclusións son dispares en canto a proposta da Xunta para as persoas retornadas e para a FP dual en toda a súa totalidade. As empresas disporán de man de obra a baixo custe, non hai tecido empresarial suficiente para absorber a xente formada e ademais, o existente é familiar e non abonda. Doutra parte, a coxuntura da COVID parece ter animado ao goberno galego a falar de retorno mentres as forzas sindicais falan dun retorno temporal, os que viñeron iranse nada máis se estabilicen as cousas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.