Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2022 | Actualizada ás 19:06
O Partido Socialista de Ourense presentará no próximo pleno municipal deste venres unha iniciativa coa que solicitan un plan de choque para a limpeza de pintadas e a recuperación dos espazos degradados na cidade.
Os socialistas reclaman a posta en marcha de "un plan urxente" dado que "nos últimos 7 anos", aseguran, "incrementouse un 30%" este tipo de actos que "non só danan a imaxe da cidade senón tamén o potencial turístico''.
Así pois, solicitan a creación dun programa específico para a limpeza de pintadas e a eliminación da cartelaría ilegal, coordinado pola Policía Local e a Concellaría de limpeza, co que se identifiquen todas as pintadas e os seus autores para abrirlles un expediente e "tomar as medidas oportunas en base á normativa".
Ademais, a iniciativa manifesta a necesidade de que o concello realice actividades formativas a través da Concellaría de Educación e Mocidade co fin de concienciar aos mozos das consecuencias destes actos.
Deste xeito, a formación pretende pór o foco na degradación e o "feísmo que está en crecemento nos últimos anos", con especial presenza no casco antigo da cidade. "Non é de recibo que os visitantes se atopen coa decadencia, o abandono e o lixo en cada esquina. Por iso reclamamos medidas urxentes por parte dos que gobernan", din os socialistas.
Por iso, tamén piden a elaboración dun inventario de muros e espazos degradados para que se poñan a disposición de artistas urbanos, "que poidan plasmar as súas creacións fomentando a convivencia das súas obras co resto da cidade".
"É urxente que exista coordinación entre as diferentes concellarías e a Policía Local", dixo a viceportavoz do partido, Natalia González, quen afirmou que a situación "é preocupante, un mal endémico da cidade" porque moitas das pintadas atópanse en lugares que son patrimonio de interese cultural.
O portavoz municipal socialista, Rafael Villarino, sumouse ás palabras de González e destacou que o casco antigo ourensán foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en setembro do 1975 e en setembro de 1996 aprobouse o PERI, motivo polo que esixen que "se lle dea á cidade unha imaxe que agora mesmo non ten por mor do deixamento do goberno municipal".
Así, Villarino fixo fincapé en que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, "bota balóns fóra" porque "non hai un plan para a cidade", pero esgrimiu que o Partido Popular "é corresponsable da situación" porque forma parte do goberno. "Non é que deixemos que un alcalde desfaga a cidade, hai responsabilidades compartidas", resolveu Villarino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.