Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 13:28
A Consellería de Medio Rural concedeu axudas por 2,6 millóns a 196 beneficiarios para a reestruturación e renovación de 250 hectáreas de viñedos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución de subvencións para a reimplantación de viñedo, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión das viñas.
Por provincias, a maior parte corresponde a Pontevedra, con 114 hectáreas e 72 persoas beneficiarias. Séguelle Ourense, con 98 hectáreas e 108 expedientes aprobados; na Coruña reestruturaranse 20 hectáreas de seis viticultoras; e, por último, en Lugo actuarase en doce hectáreas de dez beneficiarios.
Por zonas vitícolas, o maior número de persoas beneficiarias corresponde á denominación de orixe protexida Rías Baixas, cun total de 77 expedientes aprobados. Logo sitúase a de Monterrei con 46 beneficiarios, a de Valdeorras con 34, a do Ribeiro con 28 e a de Ribeira Sacra con nove. Pola súa banda, as indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Terras do Navia rexistran unha persoa beneficiaria cada unha.
Segundo informa a Xunta no seu comunicado, os principais obxectivos destas axudas son levar a cabo reaxustes estruturais que diminúan os sobrecustos de produción das explotacións vitícolas de Galicia, onde predomina o minifundio.
Ademais, preténdese conseguir a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietales para optimizar a compra e adaptar a produción á demanda, á vez que se preservan as variedades viníferas autóctonas.
Así mesmo, a Xunta asegurou que, a través destas achegas, aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao mesmo tempo que se potencia a substitución xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable, co que se facilita o acceso ás explotacións das persoas viticultoras novas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.