Multan ao Concello de Pazos de Borbén por verteduras de augas residuais no río Alvedosa

Augas de Galicia sinala ademais diversos incumprimentos da autorización de verquido que poden derivar na apertura de novos expedientes.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/02/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Concello de Pazos de Borbén terá que pagar unha multa de 5.000 euros por verter ao río Alvedoso augas residuais procedentes da EDAR de Amoedo que superaban os límites máximos admitidos de diversos parámetros. Así o determinou Augas de Galicia, que vén de resolver o expediente sancionador iniciado a raíz de dúas inspeccións que se levaron a cabo en xuño de 2021 e nas que se detectaron estes verquidos.

Vertedura no río Alvedoso.
Vertedura no río Alvedoso.

Augas de Galicia resolve así o expediente posto que non prosperaron as alegacións presentadas polo Concello de Pazos de Borbén. Segundo indican dende a Agrupación de Electores Alternativa Veciñal, varias das alegacións presentadas durante o trámite do expediente, lonxe de desculpar a responsabilidade do Concello, "deixaban á luz o abandono e a escandalosa falta de xestión municipais".

Así, o Concello de Pazos de Borbén alegou falta de garantías porque a toma de mostras se realizou sen a presenza de ningún representante municipal, acontecendo que nunha das inspeccións o representante municipal non se presentou, malia que requirirse a súa presenza, e a na outra si estivo presente pero “rexeitou a mostra xemelga que lle foi ofrecida”, segundo recolle o expediente. Tamén alegaba o Concello que “a falta de funcionamento do tratamento da desinfección non se debe a falta de mantemento senón a un vertido dunha empresa privada”. Cuestión esta que para Augas de Galicia “non exime de responsabilidade ao Concello, único titular da autorización de vertido cuxo incumprimento se imputa”, en base a dous feitos segundo se pode ler no expediente.

Primeiro, e segundo indican, porque na documentación aportada pola administración municipal referida ao verquido da empresa unicamente consta unha analítica realizada “sen o menor soporte dunha dilixencia de inspección con garantías”. E, segundo, a falta dunha Ordenanza municipal que determine as obrigas dos usuarios e as condicións do servizo impide que o Concello poida imputarlle a responsabilidade a ninguén e teña que asumir todas as consecuencias, en canto titular da autorización de vertido. A este respecto, Augas de Galicia lembra que no ano 2014 lle remitira a Pazos de Borbén un modelo de ordenanza “sen que se teña constancia de ningún trámite posterior” por parte do Concello.

ADVERTENCIA DE NOVOS EXPEDIENTES SANCIONADORES 

Dende a Agrupación de Electores Alternativa Veciñal destacan que "non estamos diante dunha sanción puntual por un problema illado, senón diante dunha falta grave de traballo e organización do goberno municipal que poden conlevar novas sancións". Segundo aseguran, enriba da mesa do Concello hai outro requirimento de Augas de Galicia que califican de "un auténtico tirón de orellas por diversos incumprimentos, que moi probablemente vai derivar na apertura dun novo expediente".

Neste requerimento, Augas de Galicia pide ao Concello que xustifique as causas do incumprimento detectado nun control de vertido do ano 2019, no que a analítica amosou un nivel de sólidos en suspensión máis de 10 veces superior ao límite máximo. Tamén demanda o organismo autonómico o envío dos resultados dos controis periódicos que, segundo as condicións da autorización, ten que realizar obrigatoriamente o Concello. Segundo a comunicación enviada, os resultados dos controis do ano 2020 non foron enviados a Augas de Galicia malia serlle requiridos ao Concello en diversas ocasións. Augas de Galicia remata advertindo que non atender estes requirimentos ou non xustificar dalgún xeito os malos resultados da analítica de 2019 pode derivar na apertura dun novo expediente sancionar ou, incluso, na revogación da autorización.

Para Alternativa Veciñal os expedientes abertos por Augas de Galica son "claros e contudentes, non deixan lugar nin a máis mínima dúbida que estamos diante dun desleixo e dunha falta de xestión escandalosos". A este respecto, a Agrupación de Electores vai demandar explicacións e que se asuman responsabilidades por “todos os prexuízos e diñeiro que lle está a custar a Pazos de Borbén a incompetencia do goberno municipal”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta