Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 20:27
O tráfico de mercadorías no Porto da Coruña pechou a estatística do mes de xaneiro cun incremento do 13,5% con respecto a xaneiro de 2021, co que ademais se consolida a recuperación tras o "descenso rexistrado nos meses máis restritivos da pandemia".
Nun comunicado, o Porto da Coruña explica que continúa así a liña ascendente experimentada durante o ano pasado, no que se alcanzou un crecemento do 12%. De feito, destacan que se superaron "con fartura" as cifras de xaneiro de 2020, cando aínda non irrompera o covid.
As subidas no mes de xaneiro, cun total de 1,17 millóns de toneladas movidas, afectou tanto a graneis líquidos como a sólidos e mercadoría xeral. Tamén se rexistraron incrementos en pesca fresca e marisco, e loxicamente en cruceiros, dado que en xaneiro de 2021 o tráfico de pasaxeiros estaba suspendido, lembran.
O maior incremento, informan, deuse en mercadoría xeral, cun 40,7%. As principais mercadorías foron os produtos siderúrxicos e outros materiais de construción como vidro e madeiras, cun total de 80.000 toneladas. En canto a graneis sólidos, a cifra ascendeu a 464.000 toneladas, que xeraron un crecemento do 25,66% con respecto a xaneiro de 2021. O motor principal do ascenso foi, como en anteriores estatísticas, o sector de graneis agroalimentarios. O Porto remarca, sobre isto, o tráfico de millo, con 222.000 toneladas, o que constitúe case a metade de todos os graneis sólidos movidos o pasado mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.