Así é a busca do Villa de Pitanxo: oito barcos loitan por atopar o resto da tripulación

Seis pesqueiros e dous remolcadores repasan o lugar dos feitos enfrontándose ao vento e a densa néboa que afecta á área.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Continúa o rescate da tripulación do pesqueiro Villa de Pitanxo, afundido na madrugada do pasado martes 15 por circunstancias aínda non esclarecidas, aínda que os primeiros indicios dos familiares da vítimas apuntan a un golpe de mar como posible causa do naufraxio. A solidariedade do mar con este suceso, polo que a Xunta decretou xa tres días de loito oficial, déixase ver dende o aire; e, máis concretamente, nos mapas que amosan o tráfico marítimo.

Embarcacións que participan no rescate da tripulación do Villa de Pitanxo, en tráfico marítimo
Embarcacións que participan no rescate da tripulación do Villa de Pitanxo, en tráfico marítimo | Fonte: MarineTraffic

Así é que dos oito barcos que nestes momentos están a traballar nos labores de busca seis son pesqueiros e dous remolcadores. De feito, foi un pesqueiro o buque que recuperou a tres persoas con vida, entre os cales se contan o patrón da embarcación e o seu sobriño. Fontes oficiais alén do Atlántico informaban este mércores dun avión, dous helicópteros, unha fragata de Halifax, un buque canadense, o pesqueiro 'Playa Menduiña Dos' e as dúas embarcacións portuguesas como os efectivos que se estaban a mobilizar na procura. 

Nos mapas achegados pode apreciarse a especial concentración do tráfico marítimo na zona, conformado un punto á marxe das rutas habituais que veu mobilizado pola traxedia, na que se contan xa dez mortos. Polo momento, o reconto de falecidos permanece en 11 dun total de 24 persoas que conformaban a tripulación, contando tamén esas tres persoas que foron rescatadas nas primeiras horas do suceso.

A celeridade dos traballos é especialmente relevante para manter a esperanza de atopar con vida aos mariñeiros, xa que a principal causa de morte nestas circunstancias deriva, precisamente, das baixas temperaturas da auga e do aire da zona, próxima ao círculo polar ártico e que sofre a friaxe das correntes nórticas. 

No tocante aos labores de rescate, Salvamento Marítimo informou de que as "condicións climáticas son desafiantes", con ventos de 40 nós, ondas de 5 a 5,5 metros e visibilidade reducida pola néboa. Con todo, subliñaron que "a procura continúa para o resto da tripulación e temos a esperanza de atopalos", asegurou. Igualmente, sinalou que se atopou "un gran campo de cascallos onde se afundiu a embarcación". Os tres sobreviventes están a bordo dun dos barcos pesqueiros, co operativo en marcha para o seu traslado.

Tráfico marítimo na zona do accidente do pesqueiro Villa de Pitanxo
Tráfico marítimo na zona do accidente do pesqueiro Villa de Pitanxo | Fonte: MarineTraffic

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta