Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/02/2022 | Actualizada ás 15:36
A Sala I do Civil do Tribunal Supremo confirmou a condena a un home por intromisión ilexítima no dereito á honra dun examinador da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Ourense ao insultalo nunha carta ao director publicada na edición impresa e dixital dun xornal en 2017.
Segundo o fallo, con data do 9 de febreiro, o condenado incluíu no texto insultos, expresións vexatorias e insinuacións insidiosas sobre o físico, supostos problemas psicolóxicos e orientación sexual do funcionario.
O TS ratifica a condena ao home, que terá que pagar 3.000 euros de indemnización por danos morais ao funcionario, tal como estableceu o Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Ourense e despois a Audiencia Provincial ourensá.
Segundo os antecedentes recollidos na sentenza, entre abril e maio de 2017, o demandado examinouse dúas veces do permiso de conducir tipo C (camións) no centro onde traballaba o demandante, sen superar as probas pertinentes.
Durante a súa estancia no devandito lugar viuse involucrado en dous incidentes co citado examinador consistentes en recriminacións verbais deste cara aos alumnos, aos que chamou a atención para que abandonasen unha zona onde só podían estar acompañados dun profesor.
Cinco meses despois, un xornal publicou na sección 'Cartas ao Director' un escrito do demandado no que se recollían as expresións contra o examinador polas cales este lle demandou por vulneración á honra.
Na súa sentenza, o Supremo destaca que "a resposta do hoxe recorrente á actuación do examinador demandante non pode ter amparo no exercicio constitucionalmente lexítimo da liberdade de expresión". Engade que, á marxe dos sentimentos do recorrente, "o certo é que non se demostrou que a conduta do demandante nos dous incidentes referidos na carta consistise en algo máis que un exceso verbal".
"Pero", engade o Supremo, o que dita conduta do examinador non xustificaba de ningún xeito era unha resposta do demandado como a aquí axuizada, non froito dun impulso senón longamente meditada --case cinco meses despois e por escrito--, amplamente difundida e consistente nunha concatenación de expresións inequivocamente vexatorias e gratuítas en canto totalmente desvinculadas do comportamento reprochado ao examinador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.