Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 19:21
O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres, cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños (e os votos contrarios do PP), unha moción socialista para demandar á Xunta melloras na atención á saúde mental.
Segundo o texto da moción, este tipo de patoloxías son un dos "graves problemas" que afectan á sociedade e, en Galicia, "o cociente de profesionais en función da poboación", fai que a Comunidade Autónoma estea "á cola de España". Ademais, "os datos sobre suicidios sitúan a Galicia entre as Comunidades con peores datos porcentuais".
Por iso, reclamaron "unha aposta decidida para acompañar unha reivindicación cidadá clara", e instaron á Xunta a cumprir o acordo parlamentario de marzo de 2021 para desenvolver o Plan Galego de Saúde Mental promovido polo PSdeG "e aprobado por unanimidade".
O pleno tamén reclamou que se cre unha comisión de seguimento dese Plan, que se axilicen os medios necesarios para que haxa unha unidade de hospitalización infanto-xuvenil en cada área sanitaria, que se promova a conexión entre a Atención Primaria e os servizos de saúde mental ou que se desenvolva de "maneira efectiva" o Plan Galego contra ou Suicidio.
Por outra banda, tamén se aprobou, neste caso por unanimidade e tras unha emenda de Marea Atlántica, unha moción para reclamar a abolición da prostitución e da trata con fins de explotación sexual, "as manifestacións máis crueis e violentas da desigualdade".
Na moción exponse que "é necesaria unha resposta máis contundente por parte de todas as administracións", e ínstase ao Goberno de España a elaborar unha lei contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, que teña como obxectivo a abolición da prostitución.
Tamén se solicitan, no marco das competencias autonómicas e municipais, medidas de sensibilización e formación sobre estes problemas; así como a creación dun novo programa provincial de igualdade que poña o foco neste asunto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.