Por Galicia Confidencial | Moaña | 12/03/2025 | Actualizada ás 10:36
Ecoloxistas en Acción presentou alegacións para que a Dirección Xeral da Costa e o Mar rexeite a solicitude da parella do expresidente da Xunta e actual presidente do PP en España, Alberto Núñez Feijóo, para seguir ocupando o seu chalé na costa de Tirán (Concello de Moaña) unha franxa de 210 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre, que lles permite gozar dun acceso privado á praia de O Con.
A leira ocupada incorre en terreos de dominio público marítimo-terrestre segundo deslinde aprobado por orde ministerial de data 17 de xullo de 2007." A solicitude non só está fóra do prazo establecido pola normativa, senón que esta concesión, en aplicación da Disposición Transitoria Primeira da Lei de Costas, no caso de outorgarse no seu momento, estaría actualmente extinta", din os ecoloxisgtas.
A organización tamén denuncia que o muro de peche, levantado nos terreos ilegalmente ocupados, imposibilita á veciñanza o acceso a esta zona da costa de Tirán e o goce da praia de O Con, de difícil acceso por terra en pleamar, senón é pola zona ocupada polo chalé propiedade de Feijoó e a súa muller. Ademais, di, a franxa ocupada afecta ao miradoiro e paseo denominado O Fiunchal, afcción que tamén denunciou o concello de Moaña.
“Solicitamos á Dirección Xeral da Costa e o Mar e ao seu servizo provincial que desestime a solicitude e ordene a demolición do construído en terreo público, e a reposición da legalidade urbanística”, declarou Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo Rías Baixas de Ecoloxistas en Acción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.