Por X.M. Fernández | Allariz | 06/03/2022 | Actualizada ás 11:00
As XVIII Xornadas para a Convivencia arrincan o vindeiro martes 8 de marzo coa colocación da pancarta na Casa do Concello e a lectura do manifesto. Neste acto colaboran a Asociación Silvardeiras e o IES de Allariz.
Nun amplo programa deseñado polo Concello de Allariz haberá obradoiros, faladoiros, actividades para o alumnado, tanto do CEIP Padre Feijóo como do IES de Allariz, exposicións, música, narración oral ('Divas de diván') e un roteiro en distintos días repartidos ata o 31 de marzo.
Segundo explica a técnica de igualdade, Beatriz Pérez, “este ano pensamos na importancia de rescatar a memoria, aprender do pasado para construír presentes amables e unha mellor convivencia entre todo o mundo. Unha oportunidade máis para ir facéndonos conscientes da diversidade presente en todas nós e ver de que xeito as diferentes ideas, corpos, vivencias, sentires... enriquecen as nosas vidas e os nosos vínculos.”
O Tenente de Alcaldía, Bernardo Varela, salientaba na presentación das xornadas a importancia de traballar durante todo o ano en temas de convivencia e igualdade de xénero, traballo que a área de Benestar Social realiza día a día e ten como reforzo estas xornadas. “Miradas de memorias e presentes é unha aposta de presente pero tamén unha aposta de futuro”, resaltaba o edil. Tamén agradeceu a colaboración dos centros educativos de Allariz e da Asociación Silvardeiras a estás xornadas e nas actividades que se programan.
O programa completo das actividades está accesible na páxina web do Concello de Alariz e para reservar entradas ou inscribirse nos obradoiros pódese enviar un correo a fogardosmaiores@allariz.gal ou chamar ou 988 554 059 ou nas instalacións do Fogar dos Maiores de Allariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.