Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/03/2022 | Actualizada ás 15:12
O Partido Popular e o Partido Socialista de Galicia apelaron ao Bloque Nacionalista Galego a "condenar sen ambigüidades" no Parlamento de Galicia a invasión de Ucraína por parte de Rusia.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez trasladou a súa "preocupación" despois de non recibir resposta por parte do Grupo Parlamentario do BNG á declaración institucional, texto que debe ter o consenso de todos os grupos, para condenar a invasión no Parlamento galego.
O portavoz socialista considerou necesario "condenar sen ambigüidades" a invasión do país e esixirlle a Rusia que "deixe de facerlle dano a Europa e de pór en cuestión todos os sistemas democráticos e a vida de millóns de persoas cunha guerra inxusta".
"Pedimos claridade e contundencia", sinalou porque esta "non é unha cuestión de Galicia, senón de política común da Unión Europea". "Se negan a conveniencia de que esteamos na Unión Europea, que o digan con claridade e que expoñan un modelo alternativo", incidiu.
Luís Álvarez sostivo que a pregunta se debe formular é se "posicións distintas constitúen unha alternativa válida ou se só buscan manter unha aparente superioridade moral, propondo vías que saben que non teñen viabilidade", sentenciou.
Por último, o responsable socialista trasladou o seu apoio á decisión do Goberno do Estado de apoiar ao pobo ucraíno con material humanitario e bélico, "na liña do socios europeos, e ofrecendo a mesma resposta que dan os diferentes países da Unión Europea", unha vez que "as canles diplomáticas están superadas pola realidade".
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, explicou que existe un "acordo básico co PSdeG" para este texto e avogou porque finalmente "sexa posible a unanimidade para a súa lectura".
Segundo detallou, a declaración que se está consensuado pon de manifesto que se trata dunha "violación clara do dereito internacional, que atenta gravemente contra a soberanía e a integridade territorial de Ucraína"; pide o fin das hostilidades e das operacións militares; expresa a solidariedade con todas as vítimas do conflito; e ofrece a colaboración de Galicia para a acollida de refuxiados.
Pola súa banda, fontes do BNG sostiveron que a formación nacionalista fará "as achegas que considere" ao texto e lembran que a declaración non se le este luns senón "como moi pronto" o martes.
AXUDA HUMANITARIA
Por outro lado, familias ucraínas, en colaboración con UGT-Galicia, promoven a recollida de axuda humanitaria para o pobo ucraíno a través das sedes do sindicato en vilas e cidades de toda Galicia.
Entre o material que máis lles demandaron os seus familiares e amigos que viven en Ucraína están útiles de aseo, alimentos non perecedoiros, sacos de durmir, mantas, roupa térmica, roupa interior, calcetíns, gorros e luvas, ademais de material sanitario.
En canto á loxística, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, pediu que, preferiblemente, se fagan as doazóns xa en caixas, para facilitar o proceso. En todo caso, Gómez confirmou que xa hai varias empresas dispostas a almacenar e a enviar o material ata a fronteira de Polonia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.