Algo fede na Universidade

Se non lembro mal, “Aquí huele a muerto” fora unha película infame dos Martes y 13 cando petaban forte no humor televisivo deste país. Está ben que na 2 sigan repoñendo os gags destes dous tipos abonados ao absurdo. Deles ben podía ser a situación que se viviu na Universidade Complutense de Madrid. Seica a crise económica leva á xente do común a procurar alternativas para evitar gastos que escarallan as previsións para chegar a fin de mes. Se vos fixades, hai unha manchea de coches abandonados á súa sorte en beirarrúas e cunetas de estrada. Non hai cartos para pagar seguranzas e menos arranxos mecánicos. El nunca o faría?

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 03/06/2014

Comparte esta noticia
Do mesmo xeito, os mortos domésticos, os que supostamente lle importan a un, tamén foden un pouco a economía familiar. Xa pasaron os tempos inhumadores de crucifixo de prata e cartaz con letras grandes: MADERA MACIZA. Agora, cando se proíbe fumar, estílase a cinza. A incineración vai gañando terreo. A outra alternativa tanatorial que trunfou nos últimos termos e a cesión á ciencia do corpo do falecido, xa sexa porque así o quixo en vida o xa cadavre ou porque os herdeiros se queren desfacer de el con certa ética e civismo. A consecuencia desta prática é o overbooking nos frigoríficos da Facultade de Medicina da Complutense de Madrid. As imaxes que circularon polas redes sociais e as televisións lembran moito aos memoriais africanos nos que se amosan sen pudor as momias e os esqueletos dos represaliados. Esta fórmula impatante serve para contar a verdade sobre o xenocidio en Ruanda ou o terror vermello desatado trala revolución de 1974 en Etiopía. Pero claro, estamos no reino de España, e non é plan. Armouse unha de carallo, con demisións e todo, algo inconcebible.
 
Como en todas as Universidades, hai un gusto polas momias eméritas, algo que na Complutense vén de antigo, aínda que sexa de rebote. O goberno español organizara en 1862 unha misión científica coñecida como “Comisión Científica del Pacífico” baixo o lema “Por la Ciencia y la Gloria Nacional”,e organizada polo Ministerio de Instrución Pública, o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, a Facultade de Ciencias e mailo Xardín Botánico. A misión tiña como obxeto recoller animais, prantas, minerais e momias para os museos españois.
 
O 15 de maio de 1866 organizouse, xa en España, a “Exposición del Pacífico” con 3 salas e 2 galerías. Expoñíanse alí, entre outras, as 35 momias dos sepulcros indios antigos de Chiu-Chiu (daquela en Bolivia) expoliados polos científicos españois. Estas momias ficaron abandoadas, apodrecendo nos sotos da Complutense. Un equipo de Medicina Legal desta Universidade fixo na década de 1980 varios estudos sobre estes restos humanos.Internet fixo que a comunidade atacameña de Chiu-Chiu coñecese o paradoiro dos seus devanceiros e esixe a España a súa devolución. Moi curioso este mundo globalizado; mentres uns, alén mar, manteñen o loito despois de séculos polos “abuelos”, aquén mar o que sobran son cadavres. En todo caso hai outros xeitos de facer as cousas. En Euskadi, na Universidade, os protocolos son esixentes e o tratamento outro. Mesmo existe un Bosque da Vida no campus de Leioa, no que se soterran con dignidade as cinzas daqueles corpos cedidos á ciencia, tralo seu paso polas aulas de Medicina. Toda unha homenaxe.
 
Mentres acontece o da Complutense enterámonos dunha megaexposición sobre as nosas amigas as momias exipcias en Londres. O visitante pode coñecer até o último detalle deses seres humanos, grazas aos scáner 3D de última xeración. As momias exipcias foron analisadas en centros da Sanidade Publica británica. A ver se cunde o exemplo. Xa  podedes envolvervos en papel hixiénico ou cinta de embalar e aparecer así no SERGAS a ver se así vos fan as probas e analíticas. O señor dos Peares e o señorito pontevedrés que non coñece a Bárcenas acadaron momificar a ciencia, a educación e a sanidade deste país. A única esperanza é que eles mesmos son momias dun rexime decadente que non se entera do que está a pasar coa xente da rúa. Mentres Rajoy pensa que é un trunfador e os opositores políticos uns frikis, eu creo que cada vez se vai asemellando máis, tintes mediante, á faciana momificada do xeneral Prim, con barba e todo. 
 
Por algo estamos nos compases finais da 2ª Restauración. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA