Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2022 | Actualizada ás 20:05
O Monbus Obradoiro está pendente do estado físico do pivote lituano Laurynas Birutis, que non puido adestrar co grupo por mor dun proceso vírico, para afrontar a "final" pola permanencia ante o Unicaja, que suma as mesmas vitorias que o equipo galego na clasificación.
Sería unha baixa sensible para o técnico Moncho Fernández porque Birutis é a súa principal ameaza na pintura, por iso o corpo técnico confía na súa recuperación. Nin tan sequera a volta de Álex Suárez, despois dun mes de baixa por unha lesión na man, supón un alivio para os santiagueses.
O Obradoiro encara o partido coa moral reforzada pola vitoria de prestixio que sumou ante o Baskonia, ao que asfixiou cunha gran defensa e dez triplos, seis dos cales os asinou o lituano Beliauskas, que perdera protagonismo no equipo nas xornadas anteriores.
Cun triunfo de vantaxe sobre o Fuenlabrada, que pecha a zona de descenso, gañar ao Unicaja, que chegará a Santiago tras sufrir unha dura derrota na pista do Oostende (86-68) na Champions League, permitiría ao equipo santiagués coller algo de aire na clasificación, sobre todo se o fai por máis de 12 puntos porque se aseguraría o "basket average" particular cos malagueños.
O choque, correspondente á xornada 25 da Liga Endesa, comezará ás 20:45 horas no Multiusos Fontes do Sar e será dirixido polos colexiados Emilio Pérez Pizarro, Javier Torres e Alberto Baena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.