Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 16:12
A produción literaria galega destinada ao público máis novo rexistrou en 2021 un incremento con respecto ao ano anterior, ao sumar un total de 157 publicacións de 23 editoriais.
Así se anunciou este martes na presentación do Catálogo 2022 de libros infantís e xuvenís galegos, elaborado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, en colaboración coa Xunta de Galicia, que recolle as publicacións galegas destinadas a este colectivo no último ano.
Durante o acto, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que, en total, o catálogo recolle 79 libros máis que o ano anterior e participaron nove editoriais máis que en 2021, algo que, como expresou, "é unha moi boa noticia que demostra a paulatina recuperación do sector editorial e o bo camiño que está a levar a cabo a literatura infantil e xuvenil en galego coa intención de ir sumando progresivamente lectores".
CINCO FEIRAS ESTE ANO
Anxo Lorenzo referiuse ao catálogo presentado este martes como "unha ferramenta que desde que vén editando nos últimos anos está a demostrar ser moi importante na proxección exterior da literatura infantil e xuvenil galega". Redactado en inglés, castelán e galego, recolle a ampla produción editorial publicada o ano pasado e vaise a distribuír no cinco feiras do libro do ano na que Galicia terá presenza.
De feito, desde este martes, o catálogo está presente no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bologna, un encontro que se celebra ata o xoves na cidade italiana e no que Galicia conta cun expositor oficial propio para dar a coñecer as novidades editoriais para os lectores máis novos.
O expositor galego serve, ademais, como punto de encontro para levar a cabo reunións comerciais nas que dar a coñecer a oferta, impulsar e reactivar o negocio editorial nos mercados exteriores e favorecer o contacto con axentes de todo o mundo. O Goberno autonómico destina este ano preto de 200.000 euros para promover a literatura galega no exterior a través das distintas feiras e certames internacionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.