Por X.M. Fernández | Verín | 23/03/2022 | Actualizada ás 20:45
As V Xornadas de Novela Histórica: "Novas miradas na Novela Histórica", están xa en marcha, con boas expectativas para a súa celebración os días 25 e 26 de marzo.
José Luis Corral, coordinador do evento, será relator o día 25 pola mañá coa suxestiva conferencia “As Fake News na historia” impartida xunto ao autor José Calvo Poyato. “A Historia, entendida no sentido de narración de acontecementos do pasado, foi usada como arma intelectual para xustificar unha determinada orde establecida; polo xeral, foi escrita polo mesmo poder, polo menos ata o século XIX, e en consecuencia empregáronse argumentacións similares para explicar acontecementos ocorridos en épocas distintas”, sinalan dende a Biblioteca Municipal de Verín, organizadora, en colaboración co Concello de Verín, de tan interesante evento literario.
Abondando na interesante charla dese día lembran que “os documentos históricos son obras humanas, e como tales están cheos de subxectividades. Moitas veces as crónicas e os relatos históricos desbordan manifestacións interesadas e tendenciosas por parte de quen os escribiu, nun intento polo xeral de agradar ao poder a que ían dirixidos ou no seu caso de poñer de relevo determinados argumentos”. E, para ilustrarnos con exemplos de “Fake News históricas” avanzan tamén algunhas que se comentarán como, por exemplo: Ramsés II: O resultado da batalla de Qadesh (1274 a. C.), a vida de Teodora de Bizancio (século VI), O Cid: A xura de Santa Gadea e a batalla despois de morto ou que entre 1700 e 1714, non houbo ningunha “guerra de secesión” en España.
José Luis Corral aproveitará tamén a ocasión para presentar a súa nova novela "Matar al rey" da editorial Penguin Random House, obra que xa está na Biblioteca Pública Municipal de Verín e que saíu á rúa o pasado 8 de marzo.
ENTRADAS E PROGRAMA PARA AS V XORNADAS DE NOVELA HISTÓRICA
As entradas pódense coller na Biblioteca Pública de Verín ou compralas no Auditorio do Concello de Verín os propios días das xornadas, o venres 25 e o sábado 26 de marzo, (2 euros por día e persoa / Importe destinado integramente ás Actividades de Fomento á Lectura, Voluntariado Cultural e o Fondo Bibliotecario).
O programa ao detalle está a disposición na web do evento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.