Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 19:01
A Xunta de Galicia publicou unha nova convocatoria do selo de Excelencia aos másteres do tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves as bases da que xa é a terceira edición deste selo, cuxo prazo de inscrición tamén se abre este xoves 24 de marzo.
As tres universidades dispoñen dun máximo de dous meses para solicitar o selo que acreditará o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos e que suporá, ademais, "unha garantía de futuro para os estudantes".
Esta distinción, cunha duración de cinco anos, permite tamén ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.
Cada universidade poderá presentar, como máximo, ata tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de máster universitario oficial nas que deben figurar como universidade coordinadora no caso de que sexan titulacións conxuntas.
Entre os requisitos para solicitar a mención están que os títulos de máster univeristario sexan de carácter oficial e teñan validez en todo o territorio nacional, e que sexan impartidos por algunha das universidades do SUG de forma ininterrompida, como mínimo, desde o curso 2017-2018 e que continúe impartíndose na actualidade.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
Segundo explica a Consellería de Cultura, Eduación e Univerisdade nun comunicado, teranse en conta para a avaliación aspectos como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, o procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnos estranxeiros ou a existencia de tutorización e mentorización individuais.
Estes aspectos valoraranse con ata 25 puntos, do mesmo xeito que os resultados do máster, para o que se terán en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento --como artigos ou rankings--.
Con ata 20 puntos valorarase a estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro, o plan de xestión para o cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención), mentres que poderán recibir ata 15 puntos polo plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras) e polo profesorado do máster con aspectos como os méritos, a adecuación do currículo docente e investigador cos contidos e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades.
Por último, o apartado de Emprendimiento, no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente coa formación en emprendimiento e autoemprego, permitirá conseguir ata 10 puntos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.