Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 22:00
O activismo transfeminista leva moito tempo camiñando canda a Sara Romero, cuxa loita se espalla polas rúas e chegou mesmo aos xulgados en máis dunha ocasión, onde acadou fitos importantes para o colectivo. Ela foi a primeira muller trans que logrou que o Sergas lle pagase a súa operación, e tamén conseguiu que na sentenza da garda e custodia da súa filla figure o seu verdadeiro nome. Ademais, Sara Romero participou moi activamente no desenvolvemento da Lei de Identidade de Xénero galega, que bateu co 'non' da maioría absoluta do PP no ano 2017.
Este xoves, 31 de marzo, co gallo do Día Internacional da Visibilidade Trans, a Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas) organiza unha mesa de debate para reflexionar sobre a importancia de ser visible. Nela participarán catro persoas que forman parte da asociación: Éric Gómez, Max Suárez, Laura Bugalho e a propia Sara Romero, que tamén milita na Marcha Mundial das Mulleres. Falamos con ela sobre a situación e reivindicacións do colectivo trans.
Por que é importante o Día da Visibilidade Trans para o colectivo?
Hai que visibilizar todo o ano, pero é importante contar cun día concreto coma este para que as nosas reivindicacións alcancen maior proxección, por exemplo, a través da prensa. Iso é o que fai que a xente vexa que existimos, que empatice, e que polo tanto se faga preguntas e tome posición.
Esta visibilidade é unha ferramenta contra a transfobia?
Si. Sabemos ben que o que non se fala non existe. Hai anos, cando a transexualidade se vía como algo escuro e vinculado á prostitución, a loita centrábase en defender que existimos, pero hoxe, que estamos en plena revolución trans, loitamos por conseguir todos os dereitos, para nós e para as xeracións futuras. E para iso é importante chegar a todo o mundo, visibilizarse - aínda que é duro e entendo e respecto a quen non quere facelo - e crear referencias para as crianzas. Que poidan dicir: se esta persoa o conseguiu, eu tamén podo. Se non, sempre acabarán falando outras persoas por ti. Queda moito por loitar e tamén por visibilizar as loitas conseguidas para que as persoas trans non teñamos que suplicar os nosos dereitos.
Como operan na sociedade esas dinámicas de invisibilización do colectivo? Cales son as trabas?
É unha cuestión de negación de dereitos. Eu, por exemplo, teño dúas sentenzas que crearon xurisprudencia: por unha banda, o TSXG condenou o Sergas ao pago da miña operación, e pola outra, conseguín que na sentenza da garda e custodia da miña filla figure o meu nome e o meu sexo. Lembro que no Parlamento, cando preguntaron polo tema do pago das operacións, dixeron que o meu era un caso illado. E non. Está pasando que ás persoas trans no Sergas nos derivan a médicos que non nos corresponden ou nos digan que non temos dereito a unha operación. Fannos loitar por dereitos que en realidade xa están recoñecidos. Por iso mesmo cómpre visibilizar as loitas. Se un médico che di que non tes dereito, podes acabar créndoo. Se hai dez persoas para operar e finalmente só reclaman dúas, o Sergas acaba pagando só dúas. Compénsalle.
Co tema da lei trans acontece o mesmo. Está totalmente paralizada. Podería aplicarse xa pero non interesa porque hai unha guerra interna no propio goberno. E neste sentido, a nosa loita tamén é unha loita contra as fake news. Non hai moito saía a ministra Carmen Calvo dicindo que non existía ningún marco xurídico onde estivese recoñecida a libre determinación de xénero. Non é certo. En Portugal, desde o 2018, todas as persoas maiores de 16 anos poden cambiar o seu DNI sen intermediación médica; e en Arxentina sucede desde o 2012. Iso é o que pedimos, termos dereito a ser e existir. Se a xente non coñece estes casos, e ve unha persoa con poder e representación como Carmen Calvo dicir que non existe tal marco xurídico, crerá nela. Por iso é importante visibilizar, porque nos dá armas para loitar polos nosos dereitos e polas nosas vidas.
"Mantense a idea preconcibida de que unha persoa trans non é valida para determinados empregos"
O traballo tamén é un eido problemático. Mantense a idea preconcibida de que unha persoa trans non é valida para determinados empregos. Séguese dicindo, por exemplo, que como vai traballar un home ao lado dunha muller trans... Cada vez somos máis as persoas que temos unha carreira ou un traballo, pero unha gran maioría segue totalmente discriminada.
Dis que a loita contra a transfobia é unha loita, tamén, contra as fake news. Que responsabilidade temos os medios nisto?
Teñen responsabilidade. Por exemplo, no tema dos deportes, e en concreto no caso de Lia [nadadora estadounidense], a prensa deportiva, machista por onde a pilles, leva botando transfobia contra ela todos estes días. Miro as redes e séntame fatal. Escoito moito que as mulleres trans teñen unha superioridade física, e non é así. Hai moito descoñecemento neste tipo de cousas e é importante informar e contrarrestar todo o discurso tránsfobo. E moitas veces esta transfobia témola metida dentro tamén as persoas trans, porque estamos nunha sociedade machista e patriarcal que nos conduce a iso. Educáronnos así e non podemos deconstruilo todo dun día para outro, pero cómpre traballar e preparar as seguintes xeracións.
Moitas veces a xente ten medo a reivindicar os seus dereitos porque pensa que non os ten. Sempre está aí o que dirán, o como me mirarán. De verdade que podo dicir que son nai? De verdade que podo participar nun deporte que me gusta? O bo desta época é que hai moita información, o malo é que quen quere difundir odio ten tamén ferramentas para facelo.
"Á sociedade aínda lle custa ver que somos persoas de pleno dereito, que non somos un club social cunha serie de reivindicacións"
Ás veces semella que ás persoas trans só teñen voz 'en calidade de' trans. Encasillamos o colectivo nunha excesiva autorreferencialidade?
Totalmente. Eu nótoo. Son da Marcha Mundial das Mulleres e moitas veces tócame falar cando imos ao 8M ou ao 25N. Eu estou aí como muller, pero parece que como trans só tocas o tema trans. As persoas trans temos unha dobre discriminación: como mulleres e como trans; igual que unha muller racializada ten a dobre discriminación como muller e como racializada. Á sociedade aínda lle custa ver que somos persoas de pleno dereito, que non somos un club social cunha serie de reivindicacións.
E nas escolas? Hai protocolos e formación suficiente para que as infancias e adolescencias trans estean protexidas e acompañadas?
Aquí en Galicia temos un protocolo, pero é voluntario, e polo tanto, depende. Moitas veces son obrigados a vivir conforme o que non son. O colexio é moi difícil. Moitos nenos e nenas trans non van ao colexio aprender, van para sobrevivir. Como un neno vai tratar algo como normal se se lle está dicindo desde fóra que iso non é correcto? Non se lles pode dicir ás crianzas que están enganando ou negarlles o dereito a ser quen son, pero é complicado inculcar isto cando por parte do colexio te chaman por un nome que non é o teu. Cómpre educar na diversidade.
Ese traballo de apoio fano, en moitos casos, as asociacións como Arelas...
Si, de feito Arelas fixo o protocolo coa Xunta. Son as asociacións as que non deixan que se invisibilicen as reivindicacións trans. Moita xente non protesta porque non sabe que ten dereitos, e as asociacións denuncian o que está a pasar. Sen o seu traballo moita xente quedaría ninguneada. Aínda hai moito medo a denunciar.
Nos últimos tempos, sobre todo tras unha pandemia coma a que vivimos, a saúde mental colocouse no centro do debate. É, se cabe, aínda máis importante o seu coidado nas infancias e adolescencias trans e disidentes de xénero?
Totalmente. No colectivo trans máis dun 40% de persoas pensou no suicidio. É unha problemática moi grande, sobre todo cando es nenes non son aceptades e respectades, cando se lles di que menten e se lles nega a súa existencia. Porque non é cuestión de tolerar, é cuestión de respectar. Na pandemia moitas persoas tiveron que estar metidas na casa cando non estaban respaldadas sequera pola familia. Xa sufrimos varios asasinatos sociais de xente que chega a un límite. Cando pensas que o mundo é mellor sen ti é porque esa foi a única opción que che deron. Hai que priorizar a saúde mental.
Estamos nun momento de repunta de agresións, de discursos lgbtfóbicos con representación directa nas institucións... Que é o que máis che preocupa de todo isto?
O que máis me preocupa é que a xente lle dea valor a eses argumentos, porque se non coñeces unha realidade, é fácil crer no que di a xente con poder e representatividade. Preocúpame que empreguen eses espazos e involucionemos. Non podemos deixar que gañen e que só falen eles, e para iso temos que visibilizarnos máis, porque a sociedade xa demostrou máis dunha vez que está con nós, que quere ser libre, que quere dereitos, que non somos cidadáns de segunda. Parece moi simple pero negáronnolo tanto que xa o asumimos.
Cando os ataques veñen de parte de espazos e posicións supostamente máis progresistas, como o vives?
Doe máis, porque pensas que están gañando a loita, que xa chegaron ata aquí, que o discurso está calando. Poñía antes o exemplo de Carmen Calvo, que por unha pelexa interna non acaba de aplicarse a lei. E acontece dentro do feminismo: dise que hai moita loita co tema trans, pero non, o que hai é unha serie de referentes, normalmente doutras xeracións, que teñen seguidoras que non as cuestionan, porque están nunha posición de privilexio, hexemónica. E non nego o seu historial de loita, pero nese momento no que non loitan polos dereitos de todas senón que loitan para que outra xente non os teña, non están sendo feministas.
"Eu son muller trans e estou operada, pero son tan muller como calquera outra muller trans que decida non operarse ou hormonarse"
Nun contexto coma este, no que o que escapa da norma é cuestionado, resulta difícil liberarse de presións físicas?
Para moitas si, hai presión para estar dentro duns roles. Eu son muller trans e estou operada, pero son tan muller como calquera outra muller trans que decida non operarse ou hormonarse. Iso hai que telo claro. Parece que a sociedade só te acepta cando entras dentro do canon de home ou muller. Todas somos igual de mulleres. Eu estou operada porque o necesitaba, pero haberá outras moitas persoas que non o precisan. Hai tantas formas de vivir a transexualidade como persoas trans hai, e toda son igual de válidas e respetables.
Se unha persoa trans che pedise apoio ou acompañamento, ti dende a túa realidade, que sería o primeiro que lle dirías?
Que loite polos seus soños, e que sexa quen é. Non se pode vivir nunha mentira toda a vida. Por moito que os demais che digan como tes que vivir a túa vida, a túa vida é túa, e a única persoa responsable dela es ti. Ti podes decidir como vivila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.