Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2022 | Actualizada ás 22:00
"Eu vexo que todo subiu de prezo. Agora merco máis produtos de marca branca, collo menos froita e paso de comprar carne de porco ou, sobre todo, de pavo. Tiro máis polo arroz ou pola sopa, que é máis barata e dáme para catro ou cinco comidas. E collo tamén máis produtos enlatados que antes sempre tomaba frescos: fabas, xudías, macedonia de verduras...". A Suso, un mozo que compaxina estudos e traballo en Compostela, a suba de prezos obrigouno a mudar a súa cesta da compra. E é que unha inflación disparada ata o 9,8%, récord interanual desde 1985, impacta en case todas as esferas da vida.
O Goberno español vén de intervir os prezos da electricidade e dos alugueres e bonifica cun mínimo de 20 céntimos o litro do combustible para toda a cidadanía. Á hora de facer a compra, estas subas de prezos nótanse especialmente. A Organización de Consumidores y Usuarios recolle no seu observatorio que mercar nos supermercados a día de hoxe custa case un 10% máis ca hai un ano. Cinco de cada seis produtos aumentaron o seu prezo, e entre eles están alimentos da dieta básica como as carnes e o peixe, a froita e as verduras, os aceites, os lácteos, e mesmo tamén produtos de limpeza e hixiene.
Segundo os cálculos de OCU, de seguir esta tendencia nos prezos que, sobre todo, se dispararon nestes últimos tres meses, as familias gastarán de media en alimentos básicos uns 500 euros máis do habitual neste ano 2022. Esta situación desafía a economía de moitas familias: cómpre recordar que máis da metade dos fogares galegos atopan dificultades para chegar a final de mes. E coma Suso, que agora recoñece percorrer máis supermercados para comparar prezos, o 12,6% dos fogares aseguran que cambiaron os seus hábitos de compra, de maneira que optan máis por marcas brancas ou produtos en oferta.
UNHA DIETA SAUDABLE, EN PERIGO POLA INFLACIÓN?
"Se os produtos frescos de primeira necesidade soben de prezo, o comprador, moi probablemente, vaise ver obrigado a incluír na cesta da compra produtos máis baratos, que normalmente son os menos saudables"
Afectan estas mudanzas ao consumo dunha dieta equilibrada? É certo iso de que comer san sae máis caro? Joaquín San José Arango, médico de familia e pertencente ao grupo de traballo de alimentación e nutrición de Asemfyc, explica que no momento en que un alimento encarece, ten máis posibilidades de ser substituído por outro. "Iso non significa directamente que vaia ser de peor calidade, pero curiosamente no supermercado, os alimentos máis económicos son os que teñen menor valor nutricional". Refírese, sobre todo, a aqueles produtos que chama "inimigos públicos número un": os procesados.
"Se os produtos frescos de primeira necesidade soben de prezo, o comprador, moi probablemente, vaise ver obrigado a incluír na cesta da compra produtos máis baratos, que son tipicamente os preparados para meter no microondas ou que requiren dunha técnica moi sinxela", prosegue. Xustamente aqueles máis ricos en sal, graxas ou azucre. Ata o de agora, as medidas impulsadas polo Goberno para atallar o consumo de alimentos e bebidas non saudables enfocáronse ao aumento de impostos e á creación dun real decreto que regula a publicidade dirixida a menores. "Estanse facendo cousas", valora Arango, "que sexa suficiente sería discutible".
A MARCA DE CLASE NO QUE COMEMOS
No fondo desta situación máis ou menos conxuntural pola que unha persoa pode adaptar a súa dieta a un incremento de prezos debúxase unha realidade de carácter estrutural que ten que ver coa marca de clase dos alimentos que cada familia consome. Esta correlación entre alimentación e clase está moi estudada dende diferentes disciplinas e vólvese máis evidente nun momento coma o actual no que a clase traballadora ve como o seu peto se vai resentindo cada vez máis. "Os ricos comen distinto que os pobres, a comida é un significante moi importante de clase, igual que o é da idade e do xénero", expón Elena Freire, antropóloga e profesora na Universidade de Santiago (USC).
Comemos, di Freire, o que podemos chegar a comprar. "O poder adquisitivo non permite chegar a produtos con prezos prohibitivos, e non precisamente por ser artigos de luxo, que podería ser unha razón, senón pola calidade. Consumir artigos que presentan unha trazabilidade controlada ou ecolóxicos ten un incremento no custo que aínda que sexa pequeno, está aí", explica. Uns céntimos máis que acaban saíndo do peto do consumidor, o último elo da cadea. Coincidente con Arango, Freire indica que, consecuentemente, "acabas mercando outro tipo de comidas que non son tan saudables nin ofrecen as garantías do quilómetro cero". Trátase, engade, dunha decisión marcada pola economía, ou tamén, en ocasións, pola comodidade e o descoñecemento.
"Antes de introducir os alimentos na túa boca, hai fases previas nas que tamén incide o teu status social ou económico"
Sen caer no estereotipo de que as clases baixas comen máis ultraprocesados e as altas basean a súa dieta en verdura, peixe e carne fresca, si que se dá un patrón alimentario polo que as persoas máis empobrecidas comen menos saudable, e aquí entra en xogo de maneira moi directa o factor tempo. "Antes de introducir os alimentos na túa boca, hai fases previas nas que tamén incide o teu status social ou económico", di Freire. "Se tes unha xornada laboral de dez ou once horas, acabas recorrendo a produtos preparados ou a frituras fronte a guisos ou asados no forno. Ademais, consumir produtos frescos supón tamén facer un circuíto pola carnicería, peixería... Quen ten dispoñibilidade horaria para ir comprar fresco todos os días?".
Tanto é así que mesmo a oferta en alimentación pode chegar a variar en función dos barrios. Unha serie de estudos do Institut d'Estudis Regionals i Metropolitans de Barcelona (IERMB) determinaron que as tendas de produtos ecolóxicos e frescos abundan máis nas zonas acomodadas que nas desfavorecidas, e que os 'fast food' teñen moita máis presenza nas zonas turísticas. "En Galicia, naqueles asentamentos urbanos onde haxa dicotomía entre barrio rico e barrio pobre, vai haber unha reprodución deste modelo", explica Freire. "Noutros contextos habería que introducir outras variables. Hai que ter en conta, por exemplo, as grandes cadeas de distribución que proliferan á marxe das cidades, en polígonos industriais", agrega.
Nesta fenda de clase relativa aos alimentos atópase tamén unha das causas polas que a obesidade afecta en maior medida ás familias empobrecidas. "É a epidemia que se nos vén enriba", di Arango, que pide poñer o foco no factor económico que condiciona esta realidade. "Se non gaño o suficiente para mercar alimentos frescos, o risco de gañar peso aumenta moito", explica.
UN XIRO DE GUIÓN
"Temos que traballar nun modelo alimentario diferente, moito máis racional e sensible coa realidade próxima, co medio ambiente e con nós mesmos"
Que nos trouxo ata aquí? "A ruptura total entre quen produce e quen consome", sinala Freire. "Estás en mans de quen distribúe e vende. Cando os alimentos deixaron de estar no círculo familiar e deixamos de ser labregos, quedamos a expensas dunha cousa que se chama industria alimentaria e mercado". Á fin, e coma todo, unha cuestión de diñeiro.
Freire aproveita, neste sentido, para poñer en valor os produtos de proximidade. Segundo explica, os intermediarios e os custos para traer os alimentos á casa deberían reducirse "moitísimo" en favor dunha venda directa. "Entendo que os intermediarios tamén dirán que teñen dereito a vivir do seu traballo. Penso que como sociedade debemos atopar un punto de acordo para cambiar o modelo", incide.
"Ao mellor non é tanto subvencionar as actividades intermedias como subvencionar os extremos da cadea, e procurar outro modo de vida para intermediarios", suxire esta antropóloga, que apela a modular o discurso cara á economía circular e a soberanía alimentaria: "Temos que traballar nun modelo alimentario diferente, moito máis racional e sensible coa realidade próxima, co medio ambiente e con nós mesmos, que somos parte del".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.