Por X.M. Fernández | Arzúa | 06/04/2022 | Actualizada ás 21:00
O proxecto preséntase baixo o título de Camiños de Coñecemento e Experiencia. Trátase dun espazo de encontro e formación entre a universidade e o Concello de Arzúa, mediante o cal as persoas maiores de 50 anos que desexen participar desfrutarán da aprendizaxe en distintas áreas de coñecemento, como son o ámbito artístico co cinema, a historia da cultura de Galicia e a área medioambiental.
A formación desenvolverase do 25 ao 29 de abril e o 2 de maio, sendo as sesións de noventa minutos e na Capela da Madanela en horario de tarde, de 16:30 a 18:00 horas. Impartiranse sesións teóricas pero tamén prácticas, estas últimas consistirán en varias visitas: ao parque eólico de Couto de San Sebastián en Silleda e a Padrón para coñecer a Igrexa de Santiago, Fonte do Carme e Santiaguiño do Monte.
Ademais das citadas visitas, a Madanela acollerá seminarios sobre as enerxías renovables, o cine do cotiá e as orixes do culto xacobeo.
Aurora Varela, concelleira de cultura e educación, animaba na presentación a todos os veciños e veciñas de Arzúa con máis de 50 anos a participar neste novo programa que é de balde, non require de titulación algunha e que será impartido por docentes universitarios.
As persoas interesadas poden inscribirse no Departamento de Cultura ata o 13 de abril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.