Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2022 | Actualizada ás 11:00
Yolanda León, cunha Estrella Michelín desde 2009, cociñeira xunto á súa parella Juanjo Pérez no restaurante leonés Cocinandos, presidirá o xurado que escollerá a mellor tapa de Galicia durante o I Campionato de Tapas que se celebrará en Pontevedra durante os días 2 e 3 de maio.
Esta recoñecida chef, que iniciou a súa formación profesional en Santiago de Compostela, rexenta desde 2003 o seu restaurante en León con varios recoñecementos, entre os que destacan dous Soles outorgados pola Guía Repsol no 2018, xunto co máis importante galardón á excelencia, calidade e creatividade da cociña da Guía Michelín (distincións, ambas, que conserva ata hoxe).
"Para min é unha honra participar no primeiro certame da tapa en Galicia, xa que estou unida a esta terra desde ben pequena: veraneando cos meus pais en Pontedeume e estudando gastronomía no meu Santiago de Compostela", explicou a chef. A competición, dirixida ás cociñeiras e cociñeiros das catro provincias galegas desenvolverase en formato
showcooking.
A edil do PSOE Yoya Blanco, anunciou ademais que este primeiro campionato de gastronomía en miniatura terá como escenario a Finca Batacos, un espazo situado a poucos minutos do centro de Pontevedra. "Estou tremendamente feliz e satisfeita co inmellorable marco no que se desenvolverá esta cita gastronómica", sinalou Yoya Blanco, que agradeceu a "xerencia solvente" de Gustavo Sobral.
Estrella Galicia outorgará un premio á tapa que mellor maride coa cervexa e outro á mención especial do xurado. Así, a cervexeira apunta que “é moi importante dar visibilidade ao traballo e o talento que se coce nas cociñas dos establecementos de hostalería galegos". Esta competición distribuirá máis de 3.000 euros en premios de produtos das marcas patrocinadoras e colaboradoras do certame.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.