Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2022 | Actualizada ás 18:03
A Xunta de Galicia iniciou estes días o proceso de rehabilitación da locomotora coñecida como 'Sarita', que se realizará nun prazo de catro meses e que se integrará no Museo do Ferrocarril, que forma parte do Museo Camilo José Cela.
A iniciativa enmárcase no programa de accións conmemorativas promovidas polo Goberno galego con motivo do 20 aniversario do falecemento de Cela. Os traballos, nos que se invisten 45.000 euros, consisten na limpeza e saneamento da estrutura e das partes menos afectadas para o posterior imprimado. As partes metálicas inservibles serán substituídas por unhas de chapa de ferro de calidade S275 con acabado decapado e un espesor adecuado á peza para reconstruír.
As pezas novas suxeitaranse ao chasis da locomotora con parafusos de aceiro similares aos orixinais. Tamén se reconstruirá a cabina de condución e incorporarase un novo caixón de carbón cunha porta de guillotina na súa parte inferior; colocaranse os novos laterais, a cuberta do fogar con porta abatible e o chasis do teito.
Por último, procederase ao selado das xuntas, imprimado de todas as pezas novas e pintado xeral da locomotora coas cores orixinais. A maiores, restauraranse e limparán todas as pezas de bronce como bucinas, reloxos de presión e temperatura, tubos de canalización de vapor e auga e o sombrerete superior da cheminea, que tamén recibirán unha verniz especial para que non se altere o seu brillo natural. Tamén se restaurarán os focos.
A recuperación da locomotora forma parte do conxunto de accións promovidas pola Xunta ao redor da figura e legado de Camilo José Cela con motivo do 20 aniversario do seu falecemento. Así, ao longo de 2022, desenvolveranse diversos proxectos expositivos, xornadas académicas en Madrid e Cataluña e outras actividades divulgativas para a aproximación da cidadanía á vida e obra do escritor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.