Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 18:32
O concelleiro de Xestión de residuos urbanos do Concello de Pontevedra, Raimundo González, acusou ao PP de exercer unha "oposición virulenta e enfermiza" contra o modelo de compostaxe municipal que propón o goberno da capital provincial.
González saíu ao paso das declaracións do portavoz do PP, Rafa Domínguez, que nas últimas horas sementaba dúbidas sobre a viabilidade da planta de compostaxe proxectada en terreos da Canicouva.
O concelleiro sinalou que este rexeitamento á aposta pola compostaxe limítase ao PP local "e fundamentalmente o señor Domínguez" cando a lexislación europea, a do Estado e a da Xunta de Galicia impoñen este tratamento dos biorresiduos.
O modelo impulsado polo Concello de Pontevedra está baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos municipais. Para iso apóiase en tres alicerces: os composteros individuais, os comunitarios e a planta de compostaxe.
Raimundo González lembrou que o portavoz local do PP opúxose a cada un deste tres alicerces, "fixo campañas polas parroquias" contra a compostaxe individual, e subiuse encima dun centro dunha compostaxe comunitaria "cun pico na man para poder derrubalo dicindo textualmente que: cando eu goberne isto eliminarase".
"Con respecto á planta de compostaxe o comportamento aínda é máis enfermizo", valorou Raimundo González, xa que chegou a presentar unha denuncia xudicial polo aluguer dos terreos no monte da Canicouva "dicindo unha sarta de barbaridades".
O concelleiro nacionalista destacou que "antes de alugar os terreos" encargáronse informes técnicos que "avalan" a viabilidade de construír ese tipo de instalación nese espazo, sen existir problemas polo desnivel do terreo nin por falta de accesos.
Ademais, aclarou que o futuro contrato de concesión do servizo municipal de lixo inclúe unha "cláusula de salvagarda" ante a posibilidade de que non se poida construír a planta por cuestións alleas ao consistorio.
"Porque tamén necesitamos permisos externos e 'non vaia a selo demo'", apuntou o concelleiro de Xestión de residuos urbanos, "pode ser que se atasque un permiso autonómico e ante iso o concello pouco ten que facer", comentou González Carballo.
Por último, puntualizou que o concello ten alugadas dez hectáreas de terreo, cando a planta non ocupará máis dunha, porque o goberno local quere "que esa contorna sexa un ecoparque" no que recibir visitas escolares, habilitar unha aula destinada á sensibilización ambiental, con elementos de xogo como tirolinas e plantación de distintas especies de árbores.
Un proxecto "absolutamente respectuoso co medio ambiente" que, segundo Raimundo González "compleméntase" coa planta proxectada por Sogama en Vilanova de Arousa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.