Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/04/2022 | Actualizada ás 17:22
O 83% dos cidadáns galegos enquisados pola Xunta, no marco das enquisas do estudo de reforma do mapa municipal, é favorable á fusión voluntaria dos concellos. Así o indican as conclusións provisionais extraídas das entrevistas do estudo de reforma do mapa municipal, analizadas este xoves nunha reunión presidida pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e á que asistiron membros da Fundación Juana de Veiga e dos equipos do tres universidades galegas, que participan no traballo.
A enquisa realizouse o pasado mes de febreiro para coñecer a opinión dos galegos sobre os procesos de fusión dos concellos. Así, mentres o 83% ve favorable a fusión municipal, un 67% considera que a redución do número de concellos "melloraría a súa capacidade de prestación de servizos".
Con todo, as porcentaxes baixan cando a pregunta se fai sobre a propia localidade. Aquí, un 56% estaría a prol da fusión. Só un 37% da poboación sería partidaria de realizar fusións obrigatorias.
Ademais, o 16,7% considera que a unión de localidades non afecta "para nada" a súa capacidade de prestar servizos.
Máis detalladamente, o estudo recolle que a crenza nos beneficios de reducir concellos é máis alta en persoas con estudos universitarios, maiores de 45 anos e de clases medio-altas; mentres que a poboación sen estudos, do rural e con baixos ingresos mostra unha menor confianza en que a redución de concellos contribúa a mellorar a calidade e cantidade dos servizos prestados.
Doutra banda, son os habitantes dos municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes os que máis predisposición manifestan polas fusións.
INTERESE EN CUESTIÓNS MUNICIPAIS E IDENTIFICACIÓN
En canto ao interese pola situación dos concellos, os resultados da enquisa mostran que a cidadanía ten un interese "medio-alto" nas cuestións municipais e "queren que estes presten máis servizos".
"A Administración local é a que se percibe como máis próxima e a mellor valorada por parte da cidadanía", sinalan. De feito, case un de cada tres cidadáns enquisados valora cun sobresaínte o desempeño da Administración local.
Respecto da identificación coas entidades territoriais, a poboación identifícase primeiramente con Galicia, seguida da súa aldea ou vila de residencia e o barrio. España aparece en cuarto lugar, a provincia en sexto e Europa no oitavo e último posto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.