Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 16:52
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou a recusación formulada pola empresa Greenalia respecto dun maxistrado da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo, o xuíz Luís Villares, exlíder de En Marea, alegando que non pode solicitarse esta figura baseándose na súa "opinión política", dado que o maxistrado ten "liberdade ideolóxica".
A compañía, a cuxo consello de administración pertence a exconselleira Beatriz Mato, solicitara a recusación do maxistrado dun preito en relación á impugnación da aprobación por parte da Xunta do parque eólico de Monte Tourado, unha causa iniciada a instancias da Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo. Para iso, baseábase nas críticas emitidas á lexislación eólica por Luís Villares durante a súa etapa en En Marea, así como a unha suposta "inimizade" co presidente da Xunta.
No auto do TSXG, contra o que non cabe interpor recurso, a Sala explica que o escrito de recusación fai referencia "a unha crítica xeral, política e xurídica da lexislación eólica" realizada polo maxistrado, o que non supón, segundo a Sala, "un propósito de inaplicarla ou incumprila" no exercicio do seu labor como xuíz.
Ademais, recalca que non consta, obxectivamente, "unha toma de partido sobre a aprobación do proxecto do parque eólico" nin "un xuízo anticipado sobre a cuestión litigiosa, en razón á súa actividade no cargo de parlamentario en Galicia".
NECESÍTASE IMPLICACIÓN NA CAUSA
O alto tribunal incide en que a recusación dun maxistrado require que exista "un interese singularizado" en relación co proceso xudicial concreto que se lle atribúe, algo que, entende que non concorre neste caso, pois "non se indican no escrito de recusación manifestacións vertidas polo maxistrado que permitan constatar obxectivamente unha toma de partido sobre o fondo do presente asunto, tendo en conta que as manifestacións recollidas refírense a unha crítica xeral da lexislación eólica que non compromete a imparcialidade respecto do caso concreto".
O TSXG lembra que a expresión de discrepancia cunha norma xurídica "non implica perda de imparcialidade", senón que conforma "o exercicio dun dereito fundamental". Ademais, indica que, para ser recusado, un maxistrado que ocupou cargo público ou representativo debeu participar no asunto do preito ou causa do litixio ou ter coñecemento do mesmo.
Neste caso, segundo o alto tribunal galego, non se dan situacións que conecten a causa obxecto do proceso "dentro da esfera do poder executivo" de Luís Villares durante a súa etapa política, á vez que lembra as sentenzas do Tribunal Constitucional nas que entende que unha opinión política non pode fundar unha causa de recusación.
No auto tamén se fai referencia á recente doutrina do Tribunal Constitucional, "que declara amplamente a liberdade ideolóxica e de expresión de ideas que asiste a maxistrados que posteriormente integrarán un tribunal que coñece, aplica ou interpreta normas sobre as que efectuaron previamente pronunciamentos públicos".
INIMIZADE MANIFESTA
A Sala tamén se pronunciou no seu auto de 27 de xaneiro sobre a suposta "inimizade manifesta entre o maxistrado e o presidente da Xunta, evidenciada por unhas declaracións cruzadas nun debate parlamentario, así como co director xeral de Minas, por unhas declaracións efectuadas con ocasión de ser investigado nunha causa penal", alegadas por Greenalia.
Así, indica que esas causas teñen "un carácter personalísimo que, como sinala o letrado da Xunta (quen se opuxo á recusación no trámite de alegacións), sorprende sexan alegadas por un terceiro, entidade mercantil, allea a tal relación personalísima".
Ademais, o TSXG lembra que o maxistrado recusado xa participou, polo menos, nunha medida cautelar sobre outro parque eólico, sendo recorrente a Asociación Petón do Lobo, e, nese caso, ditouse resolución desestimatoria á petición da entidade.
Por outra banda, segundo explica no auto, o maxistrado interveu "en múltiples asuntos" nos que é parte a Xunta ou o Consello da Xunta, así como procedentes da Dirección Xeral de Minas, "sen que nin a Administración nin outra parte obxectase nada por razón do vínculo subxectivo entre o maxistrado e altos cargos da Xunta".
Por todo iso, considera que "de ningún xeito", concorre tal causa de recusación, "personalísima, conforme á doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, excluíndo os meros sentimentos de inclinación ou rexeitamento por diversas ideoloxías" dos motivos de recusación.
Por defectos de forma, non de fondo, Greenalia recorreu o auto de 27 de xaneiro, alegando que non se designou instrutor nin oído ao Ministerio Fiscal, ademais de resolverse por maxistrados da propia sección do xuíz recusado.
O TSXG, por mor dese recurso, admitiu na tramitación da peza de recusación a intervención do instrutor, así como a do Ministerio Fiscal, quen concluíu que "non se identifica interese directo do maxistrado recusado na causa que poida comprometer a súa imparcialidade, na súa dimensión tanto subxectiva como obxectiva", polo que sinalou que debía desestimarse a recusación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.