A folga dos traballadores de centros de chamadas chega ao seu terceiro día

Piden un "convenio digno" que rompa coa "precariedade laboral e salarial" do sector.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/05/2022 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

Traballadores de centros de chamadas concentráronse este xoves en Vigo e na Coruña para pedir un "convenio digno" que rompa coa "precariedade laboral e salarial" do sector. Baixo a consigna 'Por un convenio xusto nos centros de chamadas', traballadores deste sector secundaron a terceira xornada de folga, mostrando o seu rexeitamento ás pretensións da patronal de "recortar dereitos e consolidar a precariedade", segundo a CIG.

Traballadores de centros de chamadas concéntranse para pedir un 'convenio xusto' no seu terceiro día de folga
Traballadores de centros de chamadas concéntranse para pedir un 'convenio xusto' no seu terceiro día de folga | Fonte: CIG

"Fronte á proposta de miseria que ofrecen as empresas, o persoal reclama un convenio que, dunha vez por todas, dignifique as condicións de traballo e os salarios e que recoñeza a súa profesionalidade, rompendo con esa idea de que este é un sector de segunda e aínda en construción", criticaron desde a organización sindical.

Neste sentido, a coordinadora do sector na CIG, Patricia Cordo, criticou a suba do 0,8% que propón a patronal, a pesar de que o IPC en 2021 rematou nun 6,5%.

"Para este ano, cun IPC en Galicia rozando os dous díxitos, o incremento que propoñen é do 2,5% e o IPC+0,5% (con tope do 2,5%) para 2023. Con esta suba de miseria nin sequera se pode garantir o mantemento do poder adquisitivo", denunciou Cordo.

Isto, sen ter en conta que o sector dispón duns salarios "moi minguados" e que nalgunhas categorías mesmo tiveron que ser actualizados, xa que quedaron por baixo da suba do soldo mínimo interprofesional. "Calculamos que nos últimos once anos cada traballador perdeu uns 10.000 euros de soldo", explicou.

Con todo, a CIG lamentou que a patronal non só pretende "perpetuar os baixos salarios", senón que tamén trata de "meter man" nas condicións xa recollidas no convenio de ámbito estatal, "reducindo os complementos de cobertura das incapacidades temporais, eliminando a xornada máxima semanal de 39 horas ou flexibilizando a xornada máxima anual".

"Non podemos nin queremos pasar por un convenio que supoña perder diñeiro, que recorte os poucos dereitos que temos e que nos condene a seguir na precariedade", engadiu Cordo, quen subliñou que a CIG continuará loitando para conseguir un convenio "digno".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta