Hai cousa de vinte anos, nun debate nunha clase de Ramón Máiz sobre as saídas profesionais da carreira de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago, a única de Galicia, un exasperado decano berrou ante o sempiterno pesimismo do alumnado: “isto non é unha axencia de colocación”. Certamente non é o caso.
A promoción do ano 2000 deu a actual líder da oposición, un alto funcionario e membro do Consello de Contas, varios secretarios de concellos e asesores da ONU, entre outros. Dous dos seus mestres son moi coñecidos mediaticamente e cun grande seguimento (algo consciente no caso de Antón Losada e accidentalmente mais non menos merecedoramente no caso de Miguelanxo Bastos), con outros recoñecidos no campo da demoscopia (Rivera Otero), as relacións internacionais (Irene Manzano, Rafael García), a administración (Guillermo Márzquez) entre moitos outros presentes e pasados (mencionar entre estes, por exemplo, a Jiménez Sánchez, que falaba de rendemento de contas e transparencia cando a xente pensaba que iso era un invento estranxeiro). Non está nada mal, mesmo se comparamos coas facultades irmás de Granada ou Bilbao, todas réplicas territoriais da famosa Complutense que alumbrou aos Iglesias e Erejóns.
Moitos que se formaron no plano de estudo vello (pre-Boloña), que se reemprazou co cambio de século, lamentan que no desexo de converterse nunha facultade creadora de quantas e psefólogos coma os coñecidos Pablo Simón e Lluís Orriols – xunto cos demiúrgos da “nova política” auténticos dignificadores da disciplina entre o público xeral- se deixase de lado un coñecemento máis horizontal e multidisciplinar con Dereito (Pueyo), Economía (Puy Fraga, ao que se lle desexa unha pronta melloría) ou Historia (Seixas), e que moito agradecían aqueles que logo se adicaron ao goberno e a xestión pública. Se ben se introduciron novos coñecementos e procesos (amais dunha revista de facultade) parte deste ese papel acabouno facendo na práctica o departamento de Ciencia Política da Universidade de Vigo e en concreto o Grao de Xestión Pública en Pontevedra que precisamente arrancou no ano 2000.
Resulta sorprendente que non exista unha maior interacción entre estes centros, do mesmo xeito ocorre con Socioloxía na Coruña, por non falar do próximo Grao en Relacións Internacionais que se fará dacabalo de Ferrol e Ourense. O de sorprendente é relativo, obviamente, xa que no sistema universitario galego prima pouco o de sistema e menos o de galego. Coma no resto da sociedade galega.
O da internacionalización da academia non é de hoxe (recomendable a divertida novela “Small World” de David Lodge) e a excelencia moitas veces non coñece fronteiras, pero a finalidade de ter un sistema universitario propio e non sucursais de Madrid coma no distrito único do réxime anterior é precisamente achegar a academia á nosa realidade.
No caso das ciencias sociais iso é ainda máis evidente, mais non se pode dicir que nos 30 anos que temos estudos de Ciencia Política e da Administración en Galicia estas disciplinas teñan un nivel de penetración na realidade galega comparables ás disciplinas de Historia ou mesmo Dereito. Algo do que somos responsables os politólogos galegos, tanto de fóra coma de dentro da academia. Grandes esforzos en aprehender os ensinos de ás veces moi minoritarios investigadores norteamericanos pero moito menos en trasladalos á realidade galega. Os estudos e a reflexión sobre o noso autogoberno, a organización do territorio, os servizos públicos e a propia sociedade non son nin o abundantes nin exhaustivos que deberían ter sido tras tres décadas.
En parte existe un incentivo perverso, empeorado pola LOU, que pasou de tolerar publicacións de carácter anecdótico a priorizar facelo nas revistas que forman parte do índice JCR, maioritariamente anglosaxoas. Se publicar lles repercute no salario, estudar a realidade galega, e non digamos xa en galego, penaliza. Por iso a proposición incluída no proxecto de Lei Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) que permite que estudos máis locais e territoriais conten para a promoción académica é positivo. Non temos que renunciar a que algún día exista a nivel de disciplina unha “Escola Galega de Relacións Internacionais”, por exemplo. O primeiro departamento desta rama fundouse na moi rural Aberystwyth (Gales) no 1919.
Pero o que falta é cohesión. Descoñezo que exista algúnha estrutura que reúna aos analistas políticos e académicos de Compostela, Vigo, A Coruña e en breve Ferrol-Ourense, a pensar conscientemente en clave de “res publica” galega. Houbo no seu día a finais dos 90 un intento de Colexio de Politólogos/as e Sociólogos/as de Galicia, mais alén de centrarse en asuntos corporativistas non tivo o éxito que si acadou o homólogo de Madrid. Está tamén a AECPA a nivel español pero está sobre todo centrada no mundo universitario. Temos por outra banda a EGAP, pero alén das varias publicacións que coas que contribúe ao estudo da administración galega (REGAP, Administración e Cidadanía, entre outras) e os ciclos de conferencias, esencialmente o seu cometido é apoiar a administración galega e a formación dos seus funcionarios – como ocorre co INAP a nivel do Estado. Isto non é pouco, só que este disfuncional e atomizado país noso precisa de moito máis.
Macron está en proceso de eliminar a Escola Nacional de Administración da que el e a maioría de Presidentes e ministros (e boa parte dos directivos) proceden (isto logo de pasaren polas aulas das facultades de Sciences Po). O que en 1945 De Gaulle concibiu coma un instrumento meritocrático para avanzar a igualdade republicana converteuse nun sistema de concentración de elites. Moi recomendable “L´Ecole du Pouvoir” telefilme sobre a ENA onde aparecen os trasuntos de Francois Hollande e Segolene Royal entre outros. Macron tamén aboliu recentemente o propio Corpo Diplomático francés, un dos máis antigos do mundo. Independentemente de que o máis probable e que estas reformas sexan máis un xesto estético cara os chalecos amarelos e similares ca outra cousa, os franceses pecan en exceso de concentración, pero os galegos tamén, ao noso xeito.
É ben certo que sobre todo na época de Feijóo, a Xunta se converteu nun goberno de funcionarios do Grupo A da Xunta. Coma boa parte das outras autonomías, o paso do tempo levou ao chamado “isomorfismo”: a reprodución por captación dos seus semellantes. Se ben o novo presidente Rueda é funcionario municipal e durante o seu tempo de Vicepresidente apoiou varias tentativas para mellorar a coordinación e modernización da administración, é pouco probable que solucións innovadoras saian daqueles que foron, con non pouco sufrimento, formados e seleccionados nunha cultura xurídico-político-administrativa que busca reproducirse a si mesma, e máis cando esa cultura é parte do problema.
Por iso que o goberno Sánchez estea a impulsar a consolidación de ducias de miles de prazas de funcionarios – nunha interpretación moi creativa dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE e das petición da Comisión para liberar un novo tramo dos Fondos de Recuperación- é algo que resulta útil para os interesados, que poderán consolidar o seu emprego, non tanto para a sociedade. Algo máis interesante é o novo modelo de selección do Corpo Diplomático, que busca evitar a pura nmemotécnia e os evidentes nesgos de clase do sistema opositor tradicional. Pero é necesaria unha revisión máis profunda da administración, os seus modos e a súa relación coa sociedade.
Mais os marcos mentais son difíciles de romper: o moi comentado estudo do 'think tank' Future Policy Lab "Derribando el dique de la meritocracia" propón simplemente mudar as oposición memorísticas á española polos sudokus da función pública europea, sen ser quen de dar o salto a un servizo público sen funcionarios, coma pasa no norte de Europa, incluído Flandres desde hai unhas semanas.
Precisamos un sector público Galego activista (por exemplo coma ocorre co Goberno escocés, desde moito antes da chegada do SNP, por certo), e non unha administración da decadencia, que iso si, respecta tódolos puntos e comas todas que dite o Dereito Administrativo, teñan sentido ou non. E iso pasa por xerar elites novas e máis diversas cás que cooptan o sistema na actualidade. Unha nova relación entre os poderes públicos e a sociedade, e puntos de encontro entre distintos: maioría natural, oposición, sociedade civil, empresa, movementos sociais. Crear capital social galego, cohesión nun país que non a ten e onde as iniciativas van todas polo seu lado.
En definitiva, parte deste esforzo precisa da federación os centros de pensamento e estudo da realidade social galega, para pensarmos Galicia desde unha perspectiva galega e aportar solución que se poidan transmitir e seren adoptadas con fluidez ao nivel político e aos propios servizos públicos.