Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/05/2022 | Actualizada ás 20:13
O BNG trasladou o seu apoio aos promotores da iniciativa que reclama que Galicia poida competir en deportes de forma oficial, unha proposta que o PSdeG ve "inviable". Así o comunicou a plataforma Vía Galega tras a rolda de reunións que mantivo este martes cos grupos da Cámara autonómica --PP, BNG e PSdeG--.
Ao termo dos encontros, os promotores da inicitiva que avoga polo dereito de Galicia a competir internacionalmente coas súas seleccións deportivas trasladaron que o BNG mostrou o seu apoio total á proposta.
Pola súa banda, o PSdeG situouse a prol dos puntos resolutivos da iniciativa agás na demanda da oficialidade, xa que entenden que levar a cabo esta proposta é "complexo e complicado", ademais de "inviable nos deportes onde compitan as federacións españolas".
En canto ao PP, segundo Vía Galega, os deputados Rubén Lorenzo e Daniel Veiga trasladaron que o grupo popular abordará na súa próxima reunión a postura a adoptar sobre esta iniciativa.
Así as cousas, Vía Galega insta a socialistas e populares a ter "altura de miras" e que asuman que as seleccións galegas "son realmente as que representan aos galegos e galegas".
"Non valen xustificacións de ningún tipo para non apoiar esta iniciativa, que está sustentada nunha reivindicación que vén de atrás, nun dereito colectivo que debe ter toda nación e que hoxe xa están exercendo 49 territorios e nacións que, sen ter Estado propio como Galicia, compiten oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas", resalta a plataforma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.