Confirmado un terceiro caso de varíola do mono en Galicia

É o segundo na área sanitaria da Coruña, mentres que na de Vigo hai un. Todos os casos son leves.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade confirmou este martes un terceiro caso da patoloxía coñecida como varíola do mono, que supón o segundo na área sanitaria da Coruña, mentres que na de Vigo hai un. Así o informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O conselleiro puntualizou que, como nos casos anteriores, o paciente "está en bo estado, leve, como os outros dous, sen ningunha complicación médica máis que as derivadas das medidas de illamento", engadiu, "tanto do caso confirmado como nos contactos".

Un técnico de laboratorio prepara unha PCR para a análise de varíola do mono
Un técnico de laboratorio prepara unha PCR para a análise de varíola do mono | Fonte: Carlos Luján - Europa Press.

O titular de Sanidade puntualizou que tamén neste caso se aplicou o protocolo do Ministerio de Sanidade, que recomenda medidas de "prevención lóxicas", como "estar en casa, interaccionar o menos posible cos conviventes e usar máscara todo o intre".

A iso súmase "ter coidado cos utensilios que utiliza e coa roupa", abundou o conselleiro. "Se teñen algún tipo de complicación deben porse en contacto co 061 ou o seu médico para facer un seguimento específico", destacou.

Preguntado sobre aspectos concretos do protocolo, o titular de Sanidade confirmou que se recomenda, tamén, tanto "aos casos confirmados como aos contactos que durante 21 días non manteñan actos de actividade sexual", xa que os contaxos "teñen que ver coa interacción e esta especialmente".

"Fálase de 21 días. É o tempo que pedimos que se manteñan estas condicións", explicou en relación ao protocolo fixado polas autoridades sanitarias en relación á varíola do mono. Así, insistiu en que os casos e contactos deben "tentar reducir o contacto próximo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta