Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 09/04/2025 | Actualizada ás 11:45
Fermín Muguruza chegará a Vilaxoán para ofrecer o seu último concerto en Galicia da súa xira 40 Aniversario. Muguruza é un dos músicos máis inquietos, innovadores, influentes e activistas que deu a música peninsular xa desde os seus inicios en Kortatu e no seu posterior proxecto, Negu Gorriak.
Outro gran artista que estará no Revenidas será Baiuca, o músico de Catoira e gran referencia da fusión da música tradicional galega coa electrónica que chega no mellor momento da súa carreira, trala publicación de Barullo, considerado por moitos medios entre os mellores discos de 2024.
O "festival das linguas" tamén suma á súa proposta o catalán de Les Testarudes, banda barcelonesa formada por nove mulleres cun sen orientado cara ao ska, o rocksteady e o reggae.
Dende a baía de Cádiz chegan F.R.A.C. (Fundación de Raperos Atípicos de Cádiz), banda que fusiona rimas ao estilo «romanceiro gaditano» sobre instrumentais de dub, dancehall e rap. E dende Portugal chegarán un dos proxectos de reinvención máis orixinais da música tradicional do país veciño, Omiri, unha mestura de folk tradicional con música electrónica.
Tamén se suman ao Revenidas 2025 Onza, quinteto asturiano de rock-hardcore liderado por Pepo, o que fora cantante de Desakato.
A representación deste segundo avance do Revenidas complétase cuns clásicos do festival como son Dakidarría e co desenfado bailable de Monouilous Dop.
Estas novas incorporacións engándense as bandas que xa estaban anunciadas: Riot Propraganda, Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus, The Baboon Show, Sés, Bewis de la Rosa, Dick Move e Hugo Guezeta.
O Festival Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que conecta a artistas e público en torno á música en vivo.
ABONOS E ACAMPADA
Os abonos para Revenidas 2025 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 67€ (+gastos de xestión). As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 10 (A Pelada) ou 15 euros (O Rial), ambas con servizo circular de bus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.