Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2022 | Actualizada ás 13:01
Un equipo da Universidade de Santiago (USC) está a estudar a presenza e os mecanismos de degradación dos microplásticos presentes nas augas residuais da EDAR da Silvouta, en Santiago, un proxecto que se estende, ademais, ás estacións depuradoras do resto de Galicia, en colaboración con Augas de Galicia.
A finalidade desta investigación é detectar a presenza de microplásticos e, ademais, ver cal é o seu comportamento nas depuradoras, é dicir, que cantidade se elimina, que cantidade queda e cales son as súas características, para determinar se se trata dun problema e como pode eliminarse.
Santiago de Comostela acolleu esta semana a 12 Conferencia Micropol & Ecohazard, que reuniu 300 especialistas no tratamento de augas, procedentes de 41 países do cinco continentes. Neste marco, promovido polo Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, presentáronse os principais avances neste campo.
O copresidente deste congreso, Juan Lema, profesor emérito de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago e membro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC, destaca que, ao longo destes días, viuse que "o problema dos microcontaminantes é universal, non afecta só os países desenvolvidos, senón que se dá tanto en Europa como en África".
Nesta liña, pon de manifesto que "se están buscando solucións máis tecnolóxicas e outras de baixo custo baseadas no emprego de algas ou na creación de lagoas para a eliminación dos microcontaminantes, tanto nas augas residuais como na auga potable, onde tamén se detectaron". A pesar disto, o profesor Lema quere lanzar a mensaxe de que "a auga potable non presenta ningún problema, a poboación pode estar segura porque os sistemas de potabilización son moi fiables".
En canto aos microplásticos na auga, o profesor Lema sinala que "aínda non hai datos suficientes para valorar" se se trata ou non dun problema. "É necesario desenvolver metodoloxías fiables que permitan detectar con precisión a súa presenza nas augas residuais e determinar como levaría a cabo a súa eliminación", sinala. En canto aos efectos destes microplásticos sobre o medio e sobre a saúde humana, o experto indica que "se descoñecen", porque "a maior parte quedan retidos nos lodos, e da parte que se transporta na auga non se sabe o seu impacto".
VISITA A DEPURADORAS
Este venres, as persoas asistentes visitaron tres das instalacións de depuración máis recentes e innovadoras de Galicia, as das cidades de Lugo, Ourense e Vigo.
Os promotores deste encontro internacional resaltan que as plantas de Galicia están moi na liña das "depuradoras do futuro", con "instalacións modernas e tecnoloxía avanzada". "Con esta visita queremos presentarlle á comunidade científica as mellores tecnoloxías de tratamento e depuración que temos en Galicia, posto que se trata de plantas modélicas no conxunto de España", destacan.
O congreso contou co apoio de catro empresas galegas, interesadas en incorporar aos seus procesos os resultados das diferentes investigacións que se presentaron no transcurso del: Espina y Delfín, Viaqua, Aqualia e Gestagua; xunto a Augas de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.