Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/06/2022 | Actualizada ás 15:26
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enviou unha carta ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para solicitarlle unha reunión de traballo na que abordar a ocupación de vivendas, "un tema que preocupa especialmente aos galegos". Na misiva, Vázquez remarca que xa é a sexta vez que pide un encontro con Miñones desde que tomou posesión do seu cargo; un encontro no que tratar non só a ocupación ilegal, senón tamén outros temas que competen a ambas as administracións.
A titular de Vivenda urxe a abordar a problemática da ocupación, un tema que "non afecta só os propietarios dos inmobles ocupados, senón tamén a toda a contorna, dificultando a convivencia".
Explica que o Goberno galego leva tempo traballando para solicitar "o sentir" de colectivos veciñais e comunidades de propietarios. "Estas asociacións trasladáronme nos últimos meses a inseguridade social xerada nos seus barrios e a indefensión que senten, así como a necesidade de que se impulse unha reforma lexislativa estatal que ofreza solucións duradeiras e eficaces", asegura na carta.
"Isto é precisamente o que vén reclamando a Xunta", insiste a conselleira, que comenta ademais que solicitaron informes de expertos xuristas que "coinciden na necesidade de acometer un cambio lexislativo, especialmente do Código penal, e do endurecemento das penas".
"Coincidirá comigo en que non é xusto que saia máis caro apropiarse dun teléfono móbil que ocupar unha vivenda. E isto é o que ocorre agora mesmo coa lei na man", quéixase Ángeles Vázquez.
A representante da Xunta tamén lamenta que o Executivo central non teña en conta as peticións galegas. Iso é o que, para a conselleira, reflicte o texto da futura lei estatal de vivenda --agora en tramitación--, que introduce unha modificación da lei de axuizamento civil que, na práctica, "supoñerá admitir a ocupación ilegal dun inmoble como unha forma de acceso preferentemente ao parque público residencial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.