Sanidade estuda convocar prazas fixas sen oposición para cubrir postos en hospitais comarcais

Dende CCOO defenden "incentivar no canto de obrigar" e rexeitan "parchear un barco que se afunde".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2022 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade estuda convocar prazas fixas sen oposición para cubrir postos de difícil cobertura en hospitais comarcais galegos. Así o confirmaron este luns fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press, en relación a un modelo de convocatoria xa usado pola Xunta para a cobertura de 106 prazas en Atención Primaria en Galicia ante o problema de falta de persoal médico de familia.

Sobre esta formulación de cobertura de prazas, o sindicato médico O'Mega defende, ante as necesidades de profesionais por falta de médicos en determinadas especialidades como Medicina Interna e Atención Primaria, entre outras, os "concursos de méritos". Fontes deste sindicato comentaron a Europa Press que en Galicia "hai que ofertar estabilidade" ao persoal médico "a través de concursos de méritos" no canto de oposición, porque "xa pasaron suficientes exames" para "demostrar a súa capacitación".

Respecto diso, por parte de sindicatos como CCOO defenden "incentivar no canto de obrigar" a profesionais a cubrir prazas de difícil cobertura en hospitais comarcais. Con todo, aseguraron que en Mesa Sectorial non se expuxo aínda esta posibilidade de convocar prazas fixas sen oposición para os comarcais.

Fontes sindicais insisten en que se abra unha "negociación sobre o futuro dos hospitais comarcais" porque "non só é un tema de prazas", senón "de acceso a formación especializada", porque, puntualizan, "non é o mesmo un hospital grande que un pequeno" para formarse.

Por iso, por parte de CCOO rexeitan "parchear un barco que se afunde" e no canto de "tapar buracos" defende que "se cambie a cuberta". Deste xeito, demanda "un acordo" para a cobertura de prazas na sanidade pública galega, así como no ámbito estatal para "fidelizar" aos profesionais e "facilitar que queden no sistema os profesionais" que se forman en Galicia. "Hai que incentivar para que a xente queira quedar", sentencian.

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

PSDEG

Doutra banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, quixo facer este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha "corrección lingüística" ao advertirlle que os problemas de sobrecarga no Servizo Galego de Saúde (Sergas) non son "puntuais", senón que, "por desgraza para os galegos", son "sistémicos".

Neste contexto, Álvarez denunciou que Galicia é "a única comunidade de España que desinviste en sanidade" e iso "non é un problema para o PP ou para a Xunta, é un problema para todos os galegos". Así, instou a Rueda a "recoñecer" que este problema existe como "primeiro paso para resolvelo".

Así mesmo, o dirixente socialista lembrou que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na reunión que mantivo o luns da semana pasada co máximo mandatario autonómico, lle puxo encima da mesa un aumento de 140 millóns de euros nos orzamentos da Consellería de Sanidade para 2023, co obxectivo de "equiparar a media que teñen o resto de comunidades do Estado".

Todo iso prodúcese nun panorama de continuas protestas dos facultativos de medicina  interna e ante a falta de persoal médico de familia que o PSdeG achaca á "falta de previsión" da Xunta: "Calcular cantos profesionais se van a xubilar cada ano nas distintas especialidades é algo ben fácil de facer". "As afirmacións de colectivos profesionais evidencian que o PSdeG estaba no certo. Non se trataba de ser alarmistas nin de facer oposición e desgastar, senón que vén de lonxe", engadiu Álvarez.

Así, o portavoz parlamentario socialista, ante a comparecencia este martes na Cámara do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que non espera ningún anuncio: "As escusas que vai pór o señor Comesaña mañá serán as mesmas que levamos ouvido tantas veces que xa ata o papel está amarelo, está a piques de considerarse un incunable".

PPDEG

Ante as críticas, o viceportavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos defendeu que o Servizo Galego de Saúde afronta os seus problemas con "transparencia, realismo e diálogo", á vez que afeou as "actitudes demagóxicas" da oposición --BNG e PSdeG--.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Pazo do Hórreo, Pazos defendeu que a Xunta e os populares tentan abordar "con seriedade" estas cuestións, mentres que nacionalistas e socialistas propoñen "investimentos que, sinceramente, na actual conxuntura económica, son irrealizables".

Neste contexto, o viceportavoz do PPdeG destacou que este martes comparecerá no pleno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "a petición propia" que "se acumula xunto a outra do Grupo Parlamentario do BNG".

Así, Alberto Pazos reivindicou o "diálogo" que mantén o Sergas cos profesionais, tal e como "demostra a reunión" en mesa sectorial que este martes manterá a Dirección Xeral de Recursos Humanos cos sindicatos sobre a situación dos servizos de Medicina Interna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta