Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 16:07
A media de idade dos coches que circulan polas estradas de Galicia sitúase en 13,9 anos, segundo o dato ofrecido pola patronal dos concesionarios, Faconauto, no transcurso da súa asemblea xeral, celebrada este martes en Madrid.
Esta cifra é a de maior antigüidade entre comunidades, só por detrás de Castela e León (14,1 anos). De tal forma, o dato galego está por enriba da media española (13,6 anos).
Esta cifra confirma a tendencia negativa que viña arrastrando nos últimos anos e que fixo empeorar a estatística en 0,2 anos en Galicia respecto de 2020.
Faconauto, que tamén presentou a súa memoria anual correspondente a 2021, indicou que o mal momento que atravesan as matriculacións de vehículos tivo igualmente un forte impacto na achega que fai o automóbil á recadación de impostos.
Así, Facenda deixou de ingresar uns 1.200 millóns de euros pola adquisición de vehículos o pasado exercicio en comparación co recadado polo mesmo concepto en 2019, o último ano "normal" para o mercado español antes da pandemia.
En 2021, o Estado recadou 4.215 millóns de euros por tributos vinculados á adquisición de vehículos (Imposto de Matriculación e IVE), fronte aos 3.943 de 2020 (+6,9%) e aos 5.466 (-29,6%) de 2019.
Desagregado polo tipo de imposto, as arcas públicas sumaron 467 millóns de euros polo Imposto de Matriculación (+25%) e 3.748 en concepto de IVE (+5%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.