Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2022 | Actualizada ás 14:33
A Xunta enxalzou as oportunidades que, di, brinda o proxecto da mina de coltán no municipio de Viana do Bolo, promovido por Strategic Minerals e que recibiu luz verde da Administración autonómica a comezos do mes de xuño.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión cos directivos da compañía, de capital mixto español-estadounidesne e á que a Xunta concedeu autorización para explotar a sección C da mina por un período de 30 anos.
Esta explotación mineira está dedicada á extracción de tantalio e niobio, minerais que sumados dan como resultado o coltán, unha das materias primas máis empregadas na produción de compoñentes electrónicos. De feito, Mina Penouta está considerada a única mina de coltán de toda Europa.
Alí está instalada desde 2018 a compañía Strategic Minerals Spain, que apostou naquel ano por recuperar unha planta que se atopaba abandonada desde 1985, despois de estar ao cargo das empresas do grupo Rumasa durante varias décadas.
A compañía chegou en inicios do 2018 tras realizar sondaxes previas desde o 2011 e dedicouse á extracción do tantalio e niobio, os dous metais que compoñen o coltán e que ata o momento se extraían da denominada sección B.
Agora suman unha nova zona de explotación na que se atopaba situada a antiga mina, unha explotación ao descuberto cunha extensión de 150 hectáreas onde os traballos terán unha duración de 30 anos --prorrogables ata un máximo de 75 anos-- a completar en seis fases de cinco anos cada unha.
O informe técnico favorable do Servizo de Enerxía e Minas recolle que as reservas calculadas son de máis de 100 millóns de toneladas de mineral susceptibles de ser explotadas. A explotación durante 30 anos prevé a extracción de 50 millóns de toneladas de mineral.
XUNTA VALORA AS SÚAS POSIBILIDADES
Nun comunicado difundido este sábado, o Goberno autonómico remarca o "impacto positivo" dun proxecto que, segundo a Xunta, implica a creación de 75 empregos directos e un investimento de 40 millóns de euros.
Tamén destaca o "proxecto de sustentabilidade enerxética" da explotación que pretende "conseguir o 100% do autoconsumo enerxético a través da xeración de electricidade grazas ao emprego de fontes renovables, como é o caso da fotovoltaica". Así, a Xunta destaca a minaría como un "sector estratéxico" para Galicia, que achega en torno ao 8% da produción mineira de todo o Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.