Investigadores da USC analizan en Groenlandia as tendencias climáticas e o desxeo no Ártico

O coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC, Xosé Lois Otero, permanecerá ata o 14 de xullo na illa autónoma do Reino de Dinamarca.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A USC forma parte da campaña científica desprazada a Groelandia ata o vindeiro 14 de xullo no marco do proxecto NEOARCTIC, que conta con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España. Esta campaña impúlsase co obxecto de estudar se as tendencias climáticas recentes en Groenlandia e comprobar se o aumento das temperaturas e a aceleración do desxeo responden a un patrón xa rexistrado noutras ocasións nos últimos milleiros ou poden estar asociadas con efectos do cambio climático.

Imaxe dunha zona de glaciar no Ártico
Imaxe dunha zona de glaciar no Ártico | Fonte: USC

Xosé Lois Otero, profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, emprendeu esta fin de semana a viaxe á illa ártica dependente do Reino de Dinamarca xunto cos demais integrantes da expedición científica. Nesta campaña, liderada polo profesor da Universidade de Barcelona Marc Oliva, tamén participan outros investigadores do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF), a Universidade de Valladolid, o Centro Europeo de Investigación e de Ensino de Xeociencias do Medio Ambiente (Francia) e a universidade canadense de Laval (Quebec).

A expedición científica desprazada ata o Ártico no marco desta campaña, que terá continuidade ao longo do mes de agosto, traballará na zona do casquete glaciar de Groenlandia e no norte da illa de Ellsmere, extremo setentrional de Canadá. Durante a súa estadía na illa de maior superficie do planeta Terra, o equipo analizará a reconstrución da variabilidade climática dos últimos milenios nesta rexión setentrional a partir do estudo de sedimentos achados no fodo dos lagos, para determinar os avances e retrocesos dos glaciares como resposta ás condicións climáticas cambiantes.

Alén disto, o equipo investigador nesta expedición estival tratará de entender e relacionar os cambios xeoecolóxicos (solos, augas, vexetación, etc) que se están a dar nas marxes do gorro de Groenlandia nas que xa desapareceron os glaciares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta