Por E.P. | Ferrol | 28/06/2022 | Actualizada ás 17:26
A localidade de Cariño converterase entre os días 12 e 19 agosto no epicentro do teatro en Galicia, con ocasión da celebración da XLIV Mostra de Teatro Galego, decana da comunidade e que recuperará o seu formato de festival habitual, previo á pandemia sanitaria pola Covid-19, en canto a duración, aforamentos e organización.
Destacadas compañías teatrais de público infantil e adulto actuarán durante unha semana en diferentes espazos do municipio da comarca do Ortegal, como o Auditorio Municipal, a praza do Campín, a Porta da Pulida, a Praza Roxa e de modo itinerante polas rúas do municipio.
O alcalde desta localidade, José Miguel Alonso Pumar, presentou este martes, 28 de xuño, a proposta cultural nun acto celebrado no Concello e no que se deron cita, entre outros, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.
O rexedor asegurou que teñen "que defender e impulsar esta proposta, por ser patrimonio, non só dos veciños de Cariño, senón que de todos os galegos", xa que detallou que durante a celebración deste festival converteranse en "o epicentro do teatro galego".
COLABORACIÓN
Pola súa banda, Jacobo Sutil valorou "o compromiso continuado de Cariño con esta Mostra", un dos eventos que apoia a Xunta "coas subvencións en concorrencia competitiva" e apuntou "a magnífica programación coa que conta".
Mentres, Xurxo Couto asegurou que esta proposta "é do mellor que se pode ver aquí" e detallou que resulta necesario "coidala, consentila" e, por iso, a Deputación está "aquí, traballando a favor do teatro galego".
A programación inclúe a representación de obras durante a mañá para o publico infantil e á noite para o adulto, ademais de sesión noutros horarios en espazos públicos da localidade costeira.
Os prezos para as obras que se representarán no Auditorio son dun euro para o teatro infantil e cinco euros para o adulto, pero hai dispoñible un bono de 20 euros que permite a entrada a todas as funcións da noite.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.