O Festival Atlántica chega a Santiago e Teo con sotaque portugués e brasileiro

Narradores de Portugal e Brasil compartirán escenario con artistas de Galicia nunha xornada de venres con contos para todas as idades.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A segunda xornada do X Festival Atlántica chega ata Santiago e Teo con sotaque portugués e brasileiro. A mañá do venres, 1 de xullo, vai comezar ás 11 horas cos ‘Contos viajantes’ da brasileira Cláudia Fonseca nunha función concertada coa cativada do campamento de verán da Semente. Tamén haberá a oportunidade de escoitala no CSC de Bando a partir das 19:30 horas, onde actuará acompañada pola galega Lorena Pinheiro nun espectáculo titulado ‘Contos de aquí e dacolá’.

A narradora Estefânia Surreira
A narradora Estefânia Surreira | Fonte: Festival Atlántica

Xa pola tarde, ás 19 horas, está previsto o primeiro dos itinerarios narrados desta edición de Atlántica, que xa ten os convites esgotados desde hai dúas semanas. Trátase da ruta ‘Memorias en pedra’ con Rebeca Blanco, arqueóloga da Universidade do Miño. Á mesma hora no Parque de Bonaval, o público infantil e familiar está convidado a gozar coas ‘Historias da marquesa’ de Pavís Pavós, un espectáculo que contará, ademais, con interpretación en lingua de signos.

A xornada picheleira rematará cunha función dobre tamén en Bonaval destinada ao público adulto. A partir das 21:30 horas os portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira debullarán as historias de ‘Dois dos montes’ mentres que a galega María da Pontragha fará o propio con ‘Donas do lugar’.

No municipio de Teo, o cemiterio municipal será o escenario dunha sesión de ‘Contos de arrepío’ da man de dúas mestras do xénero: Paula Carballeira e a portuguesa Sofía Maul. Pola súa banda, en Padrón, os xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela van acoller un dos espectáculos máis singulares desta edición: ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez.

CONTOS SEN VALOS

Este primeiro día de xullo Atlántica tamén estará en Ferrol, onde a vasca Virginia Imaz brindará dous espectáculos (19 e 21 horas na Biblioteca Municipal) e no concello de Lalín, onde contará o zamorano José Luis Gutiérrez ‘Guti’ (20 h, Museo Municipal ‘Ramón María Aller Ulloa’).

Ademais, Atlántica continuará ata o vindeiro 9 de xullo por concellos de toda Galicia ata completar os 94 programados. Esta intensa programación conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concellos e entidades que acollen o festival en cada sede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta