O Sergas vacinará de Meninxite B a 14.700 crianzas desde novembro

Rueda confirma un investimento de 6,5 millóns para as novas doses de Meninxites B e Herpes Zóster, que amplía a poboación diana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública aprobará en setembro o novo calendario vacinal para Galicia que incluirá, entre outras, a extensión a toda a poboación da inxección contra a Meninxite B, o que permitirá a inmunización dunhas 14.700 crianzas a partir do mes de novembro.

Os bebés a partir de dous meses xa poden recibir esta vacina que agora pasa a estar financiada. Actualmente, a cobertura en Galicia é do 84,34 por cento, pero sufragado polo financiamento privado dos pais, como recolle a propia Administración autonómica.

Esta medida forma parte da actualización do calendario vacinal anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa investidura, e que, xunto coa contratación da subministración da vacinas fronte ao Herpes Zóster, que amplía a poboación diana á que vai destinada, supón un investimento de 6,5 millóns.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu gabinete, esta semana adiantada un día polo encontro que manterá este xoves co presidente do Goberno en Madrid; o titular da Xunta lembrou tamén que ao final deste ano incluiranse dúas vacinas máis para a poboación menor de idade: a do virus do papiloma humano a todos os homes de 12 anos (ata agora era só para as mulleres) e a antigripal tetravalente para os menores de entre 6 meses e cinco anos. "Galicia vai ser a comunidade co calendario de vacinación infantil máis completo de España", reivindicou.

En canto á vacina contra o Herpes Zóster estará a disposición das persoas maiores de 18 anos con VIH, Hemopatías malignas ou tumores polos que estean a recibir quimioterapia. Ata agora, só os maiores de 18 anos con transplantes autólogos, de órganos sólidos e tratamentos con fármacos anti-JAK eran os destinatarios. Deste xeito, o número de persoas que recibirán esta vacina poderá pasar das 1.500 actuais ás 15.000. Tamén se prevé que se poida empezar a administrar a partir de novembro deste ano.

A finais de ano está prevista a incorporación de dúas novas vacinas: a antigripal tetravalente que estará dispoñible para a poboación comprendida entre os 6 meses e os 5 anos e a do papiloma humano para os homes maiores de 12 anos, a cal se inoculará no próximo curso escolar, segundo as previsións da Xunta.

CONVENIO CO INGO

Outra das medidas levadas a cabo en materia de sanidade, é o convenio asinado co Instituto Galego de Oftanmoloxía (INGO) mediante o cal a Xunta inviste 3 millóns de euros en 2022 e 2023 para dar unha resposta rápida e eficiente aos servizos de oftalmoloxía ofrecidos polo Sergas. Así, o goberno aprobou este mércores o contrato-programa coa Fundación Pública por un importe total de 1.343.198 euros para o ano 2022, e outros tantos para o seguinte.

Arquivo - Varios nenos acompañados dos seus pais, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varios nenos acompañados dos seus pais, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta