Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2022 | Actualizada ás 10:31
O grupo Fuxan vos Ventos, o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foron os premiados na edición de 2022 dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2022.
Tal e como fixo público a organización, o xurado da XI edición dos galardóns decidiu premiar, na categoría de música galega, ao grupo Fuxan os Ventos "pola súa dilatada traxectoria no ámbito da música tradicional e popular galega, pondo en valor a poesía e cultura endóxena".
Celso Fernández Sanmartín foi o premiado na categoría de artes escénicas por "preservar e difundir a tradición oral galega desde o respecto e levar os contos do rural a diferentes escenarios, pondo en valor a creatividade propia.
Por último, na categoría homenaxe, Xosé Luís Méndez Ferrín álzase co premio por "ser un dos máximos expoñentes da literatura galega contemporánea e difusor da cultura propia a través da súa obra chegando a diferentes públicos".
A gala de entrega dos galardóns terá lugar o sábado 17 de decembro de 2022, ás 19,00 horas, no Complexo Polideportivo dp Picouto, no concello de Ramirás.
Os premios naceron en 2012 "como un recoñecemento a persoas e colectivos que contribúen á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións", con especial fincapé na proxección de Galicia "máis aló das súas fronteiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.