Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 21:05
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) volverá acoller en 2024 o congreso ECAI (European Conference on Artificial Intelligence), unha conferencia da que xa foi sede en 2020 pero que quedou relegada ao formato 'en liña' pola pandemia de covid-19.
Así, este encontro científico, o "máis importante de Europa" no sector, tal e como destaca a propia universidade, volverá á capital galega da man do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), tal e como o anunciou a Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) tras reunir á súa Asemblea Xeral en Viena.
O comité organizador do ECAI de 2024, que volverán presidir os investigadores do CiTIUS Senén Barro e Alberto Bugarín, mostra a súa satisfacción por este fito porque "resulta realmente excepcional" que volvan escoller Santiago como sede deste evento.
En 2020, tal e como destacan, tiveron "tan só uns meses" para reinventar "un congreso previsto como presencial" para adaptalo ao formato virtual, "algo así como cambiar o motor do avión en pleno voo". Naquela edición, participaron máis de 5.000 participantes de 120 países distintos, mentres que se presentaron case 400 traballos de investigación.
O primeiro ECAI tivo lugar en 1974, polo que a edición de 2024 en Santiago de Compostela suporá a celebración do medio século de vida deste evento, situado entre o tres máis importantes do mundo no campo da Intelixencia Artificial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.