Está Florentino Pérez tras varios proxectos eólicos en Galicia?

Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia a tentativa da empresa ACS de erixir un parque fragmentado de forma irregular.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A pesar da moratoria implantada pola Xunta, a sombra dos eólicos segue pendendo sobre as parroquias de Galicia. O último episodio en saír á superficie é o do pontevedrés concello de Verea, onde, segundo denuncian plataformas veciñais e ecoloxistas, se estaría a dar o intento de 'colar' un parque eólico fragmentado en varios polígonos de forma fraudulenta.

Florentino Pérez
Florentino Pérez | Fonte: Flickr

A historia, que desta vez relatan Stop Eólicos Xurés Celanova, é vella. A regulación española establece que as CCAA poden decidir sobre a adxudicación de parques eólicos 'pequenos', isto é, menores a 50MW de potencia. Os que se atopen por enriba deste límite corresponden ao Estado. Así é que, nos últimos anos, o asociacionismo vén de denunciar casos reiterados de fragmentación ilegal de parques que as empresas estarían facendo para que fora a Xunta quen decidira sobre os seus proxectos.

Cumpriría preguntarse o porqué dos desexos destas empresas para situarse baixo a xurisdicción da Xunta --se cadra Bea Mato, exconselleira de Medio Ambiente e hoxe conselleira de Greenalia, ten algunha pista--. En calquera caso, as plataformas refiren o caso de Verea como un episodio máis da longa loita que atravesan veciños das catro provinciais: segundo apuntan, unha compañía buscan colocar aeroxeradores a continuación do P.E. Fontesanta, que promove Greenalia no Monte Grande entre Bande e Verea.

Diante destas circunstancias, a plataforma veciñal organizou onte na Casa da Cultura do Concello de Verea unha charla informativa, coa presencia de portavoces do Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción, para explicar á veciñanza as características dos proxectos xa en trámite: o do Monte da Neve (Celanova, Verea) que promove Bay Wa, e o de Fontesanta así como a Liña de Alta Tensión que promove Greenalia. Tres proxectos que estiveron este ano en fase de exposición pública e que a plataforma considera un mesmo polígono que se presenta "de forma fragmentada e fraudulenta".

A estes proxectos, contra os que a plataforma promoveu alegacións (e, segundo apuntan, xa conseguiu unha primeira rectificación no caso do P.E. Monte da Neve) para que a Xunta de Galicia os rexeite, súmaselle agora o plan de ACS. A plataforma descoñece se estas siglas representan ás da compañía que preside Florentino Pérez: con todo, hai uns meses deuse a coñecer que a compañía do presidente do Real Madrid conseguira un gran lote de MW na adxudicación do Goberno. Ata o momento ten parques eólicos en Portugal

Verea, con máis do 40% do seu territorio considerado ‘zona de aproveitamento eólico’ segundo o Plan Sectorial Eólico de Galicia, ficaría inundada de polígonos eólicos: xa hai un en funcionamento, o P.E. do Vieiro (Iberdrola), con 19 máquinas entre Bande e Verea, e quedaría exposta a máis máquinas tendo en conta o trazado da LAT (Liña de Alta Tensión).

"Na charla de onte, á que asistiron unhas trinta persoas, a maioría veciñas e veciños de Verea e Celanova afectadas polo macro-proxecto, Stop Eólicos Xurés Celanova, o Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción denunciaron que os enclaves dos aeroxeradores proxectados representan ameazas directas ás augas que nacen na chaira do Monte da Neve e no Monte Grande, ameazas que agravarían a situación dos ríos como Ourille que nutren varios concellos na comarca, así como os mananciais e fontes que dan auga as aldeas máis próximas aos polígonos", apuntaron.

"Tamén se insistiu nas distancias entre as máquinas e as vivendas desas mesmas aldeas e nos riscos que iso representa para a saúde das poboacións, especialmente a posibilidade de sufrir os efectos do síndrome da turbina a causa dos infrasóns. Durante a charla lembrouse que as distancias establecidas no proxecto de Bay Wa a respecto das aldeas da Cigarrosa, Cardeo, Albos e Gontán serían ilegais en Alemaña (sede da empresa promotora), e que nun radio de menos de 1,5 quilómetros a respecto de máquinas, nos proxectos que se coñecen (incluído o de ACS), ficarían ademais os núcleos de Fontechide, Laioso, Casal do Bispo, Ourille, Outeiro, Sanguñedo e Os Casares. E que, ademais, a LAT de evacuación do macro-polígono pasaría moi próxima ás aldeas do Vieiro, Portela, Fontechide e Cexo, no que respecta ao municipio de Verea, afectando tamén a numerosos regatos", rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta