Por Galicia Confidencial | A Coruña | 26/08/2022 | Actualizada ás 11:35
O PSdeG e Unidas Podemos pediron que se manteña o servizo de atención telefónica de Naturgy na Coruña, que se presta a través da empresa Teleperformance, "ante o traslado a Colombia da súa actividade".
Así o sinala a vicesecretaria xeral do PSdeG provincial na Coruña, Alejandra Pérez, sobre un servizo de Unión Fenosa Distribución, filial de Naturgy, que xestiona, entre outros, as avarías.
En concreto, denuncia a "importante perda de postos de traballo" e pide, como o secretario xeral do PSdeG provincial, Bernardo Fernández, que o servizo se manteña desde Galicia.
Na mesma liña, o deputado de Unidas Podemos e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, pediu por carta a Teleperformance e Naturgy que freen a deslocalización do servizo de atención telefónica asentado na Coruña que suporá a perda de 140 postos de traballo.
O deputado explica nas cartas o impacto negativo que suporá a deslocalización do servizo tanto no emprego como para os clientes, cunha “perda de calidade na atención e o previsible aumento dos tempos de espera, e por outro, polo feito de que os datos persoais e a facturación se atopen nun país carente da estrita e necesaria regulación que existe na Unión Europea”.
TELEPERFORMANCE
Desde Teleperformance, aseguraron a Europa Presss que se trata de "un novo modelo no que a operación continuará sendo liderada" desde A Coruña, "xestionando e dando soporte ao equipo de operacións situado en Latinoamérica".
"O noso compromiso segue sendo manter a atención en galego". "Trátase dun novo concepto enfocado en potenciar as fortalezas, sinerxías e flexibilidade que ofrece o traballo en remoto e a tecnoloxía, así como facilitar o crecemento e desenvolvemento profesional dos nosos equipos en España".
"Con este novo modelo operativo, desde Teleperformance non prevemos a redución de postos de traballo". "O noso principal obxectivo continúa sendo garantir a continuidade e o desenvolvemento do noso persoal, ofrecendo o mellor servizo para cubrir as necesidades dos nosos clientes", argumenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.